Amazon Fresh chega a España

martes, 2 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Amazon cada vez ofrece máis servizos en España, e a última novidades que polo momento está só dispoñible para os clientes Prime en Madrid (co obxectivo de espallarse ao resto do territorio español ao longo de 2021), é Amazon Fresh, que permite acceder a unha ampla selección de produtos (principalmente de alimentación) e recibilos no mesmo día en franxas de entrega de dúas horas.
Dende comezos de ano era posible realizar pedidos semellantes a través de tenda do grupo Dia para o territorio madrileño (que actualmente conta con máis de 7.000 artigos), pero con Amazon Fresh o envío rápido de produtos frescos e conxelados amplíase a un catálogo de máis de 10.000 artigos, buscando así que os subscritores de Amazon Prime (servizo que actualmente custa 36 euros/ano) poidan realizar a súa compra semanal dun xeito cómodo e áxil e sen gastos de envío para pedidos superiores aos 50 euros.
A entrada de Amazon dentro deste sector a nivel español pode supor todo un revulsivo para os supermercados de toda España, que deberán mellorar os seus sistemas loxísticos de cara ao reparto a domicilio, así como as súas plataformas de comercio en liña para poder competir cun xigante que pode erosionar seriamente as súas vendas se non reaccionan a tempo.

PUBLICIDADE