Altia participa na creación das Residencias Dixitais de Castela e León

xoves, 29 de xullo do 2021 S. P.

A empresa galega Altia vén de participar nun proxecto da Xunta de Castela e León para a creación das denominadas Residencias Dixitais. No primeiro piloto da iniciativa, a firma con sede principal en Oleiros responsabilizouse da Oficina Técnica do Proxecto e, subcontratados por parte de Datio Software, nos pilotos de vídeo-conferencia e control de errantes.
Estes traballos forman parte dun proxecto impulsado polo departamento de Familia e Igualdad de Oportunidades da Junta, que conta cun investimento de 4,8 millóns de euros e que se dirixe á dixitalización de toda a rede autonómica de centros públicos de atención a persoas maiores, con discapacidade e dependencia; centros de día e de menores, e das unidades de valoración e atención a persoas con discapacidade e dependencia. O obxectivo último é “reforzar a protección das persoas máis vulnerábeis e mellorar o seu benestar e a súa calidade de vida”.
Os primeiros pasos na execución desta iniciativa déronse a principios do pasado ano coa instalación de redes Wi-Fi nos primeiros 38 centros de maiores e de persoas con discapacidade, co fin de dotalos de conectividade (facilitando servizos como por exemplo a vídeo-conferencia, de gran utilidade durante os meses de confinamento) e mellorar a colaboración entre centros (ao ligárense os sistemas de xestión dos mesmos a través de conexión sen fíos).
Completado este primeiro trámite, o segundo é a aplicación desta tecnoloxía a novas funcionalidades. Neste contexto, a residencia de maiores de Benavente é o lugar elixido para o desenvolvemento de dous proxectos piloto, que a Junta prevé ampliar a toda a súa rede de centros públicos.
O sistema de seguimento de persoas con problemas de orientación de Altia permite facer seguimento permanente, a través das redes sen fíos, da posición dos usuarios, fundamentalmente en contornas críticas como as zonas de saída ou outras que poidan entrañar perigo para a integridade dos residentes. O software posibilita unha xestión case en tempo real e de maneira centralizada dos avisos ao persoal do centro, alarmas, control de portas e a activación dos protocolos que se consideren oportunos.
O segundo proxecto piloto que xa se está probando en Benavente é unha plataforma para estender a rede interna da Junta e conectar os sistemas de xestión da propia residencia e os de saúde. Isto fará posíbel a teleconsulta.

PUBLICIDADE