Altia abre nova oficia en Biscaia

mércores, 19 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A empresa galega Altia, da que falamos hoxe para dar conta do proxecto no que coopera para converter Lugo nunha cidade smart, vén de avanzar no seu proceso de espallamento no mercado estatal. E faino abrindo unha nova oficina na provincia de Biscaia, no Parque Empresarial Ibaiondo (Leioa), a 10 quilómetros de Bilbao. Segundo informa a firma galega, coa nova sede xa son dez as oficinas coas que conta a compañía en cidades como Vitoria-Gasteiz, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Valladolid, Madrid, Alacant, Toledo e Santiago de Chile, ás que hai que sumar o Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico (A Coruña) e tres Data Centers (Vigo, Madrid e Barcelona).
Altia, centrada en sistemas de consultoría, desenvolvemento e mantemento de solucións e servizos avanzados de tecnoloxía, quere empregar a súa nova localización para ofrecer respostas ao mercado de Euskadi e, tamén, ás comunidades limítrofes da Rioxa, Cantabria ou Navarra, reforzando así o labor que a oficina de Miñano, próxima a Gasteiz, leva realizando hai máis de 13 anos. A compañía ofrecerá servizos ás empresas da contorna a través de sete grandes liñas de negocio: outsourcing e mantemento, servizos xestionados prestados a través da actividade dos seus centros de procesamento de datos, subministración de infraestruturas de hardware e software, desenvolvemento de aplicacións informáticas, consultoría tecnolóxica e solucións propias e implantación de solucións informáticas de terceiros.

PUBLICIDADE