Alejandro Pazos, catedrático de Computación da UDC, participa este 28 de abril nun foro de debate estatal sobre Big Data

martes, 27 de abril do 2021 S. P.

O catedrático de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e investigador do CITIC, Alejandro Pazos, vai ser un dos participantes do debate Big Data e Intelixencia Artificial: son os meus datos o novo petróleo?, que se celebra este 28 de abril ás 18.00 horas no debate, da man do Centro de Visión por Computador (CVC), da Universitat Autònoma de Barcelona e a Generalitat de Catalunya, e a Fundación La Caixa.
A mesa, moderada por Carlos Sierra, director de Comunicación e Márketing do CVC, contará ademais coa presenza de Petia Radeva, investigadora do CVC e catedrática da Universitat de Barcelona; Ester Manzano, directora xeral de Administración Dixital da Generalitat de Catalunya, Ignacio Chueca, principal do equipo de consultoría IQVIA, e Sergio Miralles, abogado en Intangibles Legal.
O diálogo será presencial no Palau Macaya, e retransmitirase en directo a través das canles da páxina webd do CVC.
Na mesa abordarase o actual panorama de tecnoloxías intelixentes e servizos apoiados na xestión masiva da información, como Google, Facebook, Netflix e Spotify, amais dun longo etcétera de empresas que, segundo sinalan dende CVC, “poden chegar a coñecer ao usuario mellor que el mesmo e orientar as súas estratexias de mercadotecnia para obter un maior beneficio económico a cambio de dar un servizo máis personalizado”.
Segundo avanza o profesor Pazos, “para aplicar de forma eficiente as ferramentas de Intelixencia Artificial en contornas Big Data e poder extraer novo coñecemento é necesario que os datos, informacións e coñecementos (DEC) deste ámbito en concreto sexan de calidade”. Ao seu xuízo, “moitas veces atopámonos en lugar dunha contorna Big Data unha contorna Big Bad Data, onde os DEC serán de mala calidade, ben sexa porque no mundo real o ruído está case sempre presente, ben porque os DEC poden estar afectados polo que se coñece como a maldición da cuádrupla I; isto é: Incertos, Incompletos, Imprecisos ou Inconsistentes”.
Segundo explica Pazos a respecto do relatorio deste 28 de abril e da súa intervención, “é necesario diferenciar entre dato, información e coñecemento para dar a cada un o tratamento que lle corresponde”.
Este debate forma parte do ciclo Intelixencia Artificial, ética e participación cidadá, un proxecto de ciencia cidadá organizado polo Centro de Visión por Computador, coa colaboración do Observatorio Social da Fundación La Caixa.
Alejandro Pazos
Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Enxeñería do Coñecemento pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e doutor en Enxeñaría Informática pola UPM e doutor en Medicina pola Universidade Complutense de Madrid, Alejandro Pazos é catedrático na área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na UDC e director do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información. Como dixemos, é tamén investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia.

PUBLICIDADE