Aerocamaras amosa como facer un rescate con drons dende un cuarto andar

luns, 24 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana, de hoxe ao 26 de setembro, toca mergullarnos nos vehículos aéreos non tripulados e das oportunidades profesionais e de operatividade que se nos abren ao seu abeiro. Unhas oportunidades para as que non é preciso viaxar lonxe para aproveitalas ao máximo. Abrirnos ao mundo dos drons é o gran obxectivo da empresa galega Aerocamaras, que imparte en Ourense durante esta semana a súa nova formación en manexo de UAV (Unmaned Aerial Vehicle), unhas xornadas encamiñadas a botar luz sobre o potencial destes aparellos e os sistemas informáticos que os acompañan para introducir extras de eficacia en materia de emerxencias e seguridades.
Segundo informa Aerocamaras, á formación asistirán expertos procedentes de toda España. bombeiros, policías, médicos, persoal do exército, etcétera. As prácticas desenvolvidas pola empresa galega achegarán aos participantes acreditación recursos para o emprego de drons salvavidas, buscando mellorar diferentes equipos de traballo orientados ás emerxencias. A este respecto, a empresa ourensá explica que as tarefas formativas a desenvolver inclúen prácticas innovadoras nunca antes desenvolvidas con vehículos aéreos non tripulados, como un rescate en altura (ensinarase como unha posíbel vítima descende con seguridade dende unha altura aproximada dun cuarto andar, empregando drons) ou unha persecución dun vehículo en movemento (un vehículo sospeitoso) con recoñecemento de matrícula incluída.

PUBLICIDADE