Ábrese o proceso de votación para os primeiros Premios LaconNetwork

luns, 25 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Como avanzamos a semana pasada, o vindeiro venres celebrarase o 6º aniversario da LaconNetwork, serie de encontros de emprendedores e profesionais do sector TIC galego que se celebran mensualmente, e que unha vez ao ano buscan conseguir unha proxección especial con encontros a maior escala, acompañando o seu xantar-networking con algunha charla e mesa de debate, e que nesta nova edición irá un paso máis aló, estreando a primeira edición dos seus propios premios.
O evento deste ano estará presentado polo xornalista Fran Hermida, quen conducirá as distintas entregas de premios e as intervencións que irán desenvolvéndose entre as 9:00 e as 14:00 horas, antes de dar paso ao xantar, e finalmente xa se coñecen algúns detalles que eran toda unha incógnita a semana pasada, como o feito de que a charla maxistral prevista para as 12:45 horas correrá da man de Sixto Arias (Made in Mobile), todo un emprendedor en serie que participou en proxecto como Movislisto, Mobext e Made in Mobile. Arias axuda a outros emprendedores investindo como business angel, impartindo formación e asesorando como voluntario en diversos organismos.
No que se refire aos primeiros Premios LaconNetwork, veñen de abrirse as votacións para tres das súas categorías: optan ao premio Lacon Iniciativa as entidades ViaGalicia, Clúster TIC, Círculo de Empresarios de Galicia e Galicia OpenFuture; para o Premio Lacon Evangelizador figuran como finalistas Camilo Ameijeiras, Jacobo García-Durán, Agustín Tourón e Marcus Fernández; e optan ao Premio Lacon Angel Investidor Juan Güell (Círculo de Empresarios de Galicia), Dani Seijo (Civeta Investment), Antón Chaver (Grachav Invest) e Patricia García e José Dafonte (Grupo Femxa).
Os interesados en participar nesta LaconNetwork poden xa inscribirse en liña, tendo a entrada para o evento un prezo de 25 euros, existindo tamén unha modalidade de entrada cun prezo de 40 euros que incluiría unha camiseta conmemorativa.

PUBLICIDADE