Abre o prazo para contribuír á creación dos nosos Hubs de Innovación Dixital
luns, 20 de agosto do 2018
Co
obxectivo de pór en marcha e dinamizar este ano os Hubs de
Innovación Dixital, a
Axencia Galega de de Innovación (GAIN) ten aberto até o 20 de
setembro o prazo para que os axentes do sistema galego de I+D+i fagan
as súas achegas en relación á creación destas estruturas de
traballo. Ao longo deste proceso (un mes de prazo) os axentes
poderán facer chegar as súas manifestacións de interese e as súas
propostas de configuración.
A
creación dos Hubs insírese no Plan Galicia Innova 2020. O seu
obxectivo é configurárense como instrumentos “principais para
dinamizar a innovación” na nosa terra, acompañándose dunha serie
de axudas para o arrinque deste tipo de estruturas.
Volvendo
ao prazo para a recepción de contribucións, GAIN quere tirar
proveito do mesmo para fomentar a colaboración entre os diversos
axentes e consolidar, a raíz destas sinerxías e traballos
conxuntos, “propostas coordinadas que conten co consenso necesario
que garanta a súa eficacia e eficiencia”. As propostas ou
manifestacións de interese deberán encamiñarse a describir unha
visión e actividades preparatorias para a posta en marcha do Hub de
Innovación Dixital.
A
natureza do modelo
Os
principais obxectivos deste modelo son fortalecer as ligazóns do
sistema galego de innovación artellando modelos de colaboración
abertos para aproveitar as capacidades existentes e avanzar na
especialización intelixente de Galicia, concentrando recursos e
infraestruturas ao redor de ámbitos estratéxicos para Galicia
(Industria 4.0, Aeronáutica e Bioeconomía), baixo o principio da
“auto-sustentabilidade”.
GAIN
define os Hubs de Innovación Dixital como “puntos de encontro da
empresa, a investigación e o financiamento”, do que todos se
benefician: as empresas provedoras de innovación poderán madurar as
súas tecnoloxías e ampliar as súas aplicacións, abrindo novos
mercados; as PEME obtendo apoio para levar ao mercado novos produtos
e servizos competitivos; e os centros de competencias estendendo
actividades a proxectos industriais e abrindo negocios sustentábeis.
Algúns
dos servizos que ofrecen os hubs son: actuar como
xanela única de acceso a servizos de apoio á innovación e
compartir infraestruturas e coñecemento; facilitar o acceso a
financiamento para a dixitalización; prover servizos de asesoramento
e formación; fomentar sinerxías e transferencia entre industrias;
apoiar o emprendemento; crear ligazóns con redes europeas de hubs;
ofertar os últimos coñecementos e experiencias en tecnoloxías
avanzadas, etc.