AMTEGA sinala que en dous anos a taxa de poboación galega sen Rede reduciuse nun 60%

mércores, 2 de maio do 2012 Redacción

Con motivo da celebración do pleno do Observatorio OSIMGA, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, fixo reconto este mércores 2 de maio das accións desenvolvidas no período 2009-2011 baixo o obxectivo xenérico de afianzar as novas tecnoloxías (acceso e uso) entre a cidadanía, as empresas e as institucións públicas da nosa terra. Ou sexa, ao abeiro da Axenda Dixital 2014.gal. En total, dixo, o orzamento mobilizado ao longo deste período foi de 660 millóns de euros, entre capital público e privado. Este investimento, sinalou, “diminuíu nun 60% a poboación sen acceso a Internet, mellorou os servizos públicos galegos grazas a integración das TIC na Administración e contribuíu a impulsar o sector da economía do coñecemento”.
Polo que respecta ás actuacións a curto prazo, a pór en marcha ao longo de 2012, Mar Pereira fixo saber que o observatorio elaborará unha nova edición das enquisas sobre a Sociedade da Información en Galicia, a Administración Electrónica na Xunta e nos concellos galegos; ademais, desenvolverá “por vez primeira” un informe específico sobre o Equipamento e uso das TIC nos autónomos de Galicia, en colaboración coa Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA). “Trátase da enquisa máis ampla realizada entre os autónomos”, engadiu. Amais disto, e en colaboración coa Unidade de Muller e Ciencia da Secretaría Xeral da Igualdade o observatorio abordará “un estudo sobre a situación da incorporación da muller tecnóloga ao mercado laboral en Galicia, amais de dar continuidade aos informes sobre a situación do software libre nas entidades galegas e aos estudos sobre a evolución dos indicadores de banda larga na poboación e nas empresas de Galicia”.

Balance da Axenda Dixital


Como dixemos, Mar Pereira presentou no Pleno do Observatorio o Balance da Axenda Dixital 2009-2001 e debullou as cifras das actuacións máis salientábeis desenvolvidas neste período. Deste xeito, dixo que ao longo dos dous anos de vida do Plan de Banda Larga, dotouse de cobertura a case 460.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2009, é dicir, preto 60% da poboación sen servizo. Ademais, sinalou, “as actuacións do Plan conseguiron reducir dun 20 a un 5,5% a fenda dixital entre a Galicia rural e urbana e posibilitaron o acceso de calidade á Internet a case o 70% dos servizos públicos sen cobertura e a máis do 70% dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias no servizo”.
Polo que respecta aos fogares, salientou Mar Pereira, a nosa Comunidade conseguiu un medre do 35% con respecto ao número de domicilios con conexión de banda larga, “o que representa un crecemento por riba da media estatal e europea”, aclarou. A fío disto, a directora de AMTEGA lembrou que para facer subir aínda máis os devanditos valores, o Goberno galego destina este ano “máis de 570.000 euros a subvencionar a contratación de Internet a familias galegas con rendas per cápita iguais ou inferiores a 9.000 euros”.
Mar Pereira tamén aproveitou a oportunidade para falar do conseguido en eficacia na xestión (salientando a posta en marcha este verán do Centro de Proceso de Datos Integral e máis a creación da propia AMTEGA, que integrará nunha única dirección a 558 tecnólogos da Administración autonómica, suprimindo 15 departamentos administrativos “conseguindo un aforro anual de 20 millóns de euros”), en Administración Electrónica (destacando a operatividade da sede electrónica da Xunta que nos permite presentar telematicamente máis de 300 procedementos), en sanidade (coa e-receita, dixo, “chegando ao 99% da poboación”, e coa historia clínica electrónica no 100% do persoal médico), en educación (coa dixitalización de máis de 1.400 aulas e con 31.600 beneficiándose arestora do programa) e en xustiza (10,3 millóns de euros para o Plan Senda, dirixido á dixitalización do eido xudicial galego).

PUBLICIDADE