AMTEGA quere que as aulas CeMIT superen os 96.000 usuarios en 2020

martes, 3 de decembro do 2019 Redacción

JPEG - 77.2 KB
Rapaces participando nunha actividade na aula de Cuntis, nunha captura da TVG

A axencia AMTEGA deu a coñecer hoxe os seus plans vindeiros para a rede de aulas CeMIT, os espazos de alfabetización dixital que a entidade autonómica mantén nunha chea de municipios, conxuntamente cos concellos, dende os que se organizan múltiples e variadas accións de dinamización e formación tecnolóxica. Segundo fixo saber a axencia, a previsión é superar os 96.000 usuarios o vindeiro ano. En palabras de AMTEGA, a rede “xogará un papel fundamental a longo da vindeira década no que se refire á facilitar a acreditación do futuro Marco de Competencias Dixitais”.
Estes e outros datos foron dados a coñecer no transcurso dunha xuntanza de dinamizadoras/es da rede desenvolvida na Cidade da Cultura baixo o lema Traballando no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.
Un algo de reconto
Dende os seus inicios en 2011, a Rede CeMIT planificou máis de 370.000 horas de formación en TIC en diferentes niveis e, actualmente, conta con máis de 90.400 usuarias e usuarios rexistrados. Ao longo de 2020 está previsto superar os 96.000 usuarios e realizar máis de 35.000 horas de formación e 2.500 actividades.
Algúns fitos máis
A directora de AMTEGA, Mar Pereira, inaugurou o encontro salientando que “se cumpriron cun ano de adianto” o obxectivos proposto hai tres anos de superar a porcentaxe do 75% dos galegos que acceden a Internet. Os últimos datos do INE sitúan esta porcentaxe xa no 84% a día de hoxe, destacou, engadindo que as aulas CeMIT continuarán sendo “un instrumento fundamental para acreditar os coñecementos en base ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais, que aprobará proximamente o Goberno galego”.
Pereira tamén recordou que a Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola AMTEGA e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para “ofrecer a cidadanía recursos de capacitación TIC en función do seu nivel de coñecemento e conta con máis de 800 aliados dixitais”.

PUBLICIDADE