AMTEGA destinará máis do 67% do orzamento de 2019 en investimentos para consolidar a dixitalización de Galicia

mércores, 31 de outubro do 2018 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) incrementa o seu orzamento para 2019 en 8,84 millóns de euros e disporá de 111.455.773 euros, dos que máis do 67% está destinado a investimento, segundo explicou a directora da AMTEGA, Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para detallar as contas do seu departamento para o vindeiro ano.
En total, a Axencia pública destinará 74,8 millóns de euros a investimentos para completar a dixitalización da administración e da Xustiza, reforzando a dispoñibilidade e seguridade dos servizos dixitais; impulsar a innovación tecnolóxica nos servizos sociais e na educación; establecer novos mecanismos para a conservación e difusión do patrimonio cultural; modernizar sectores chave como o turismo, os sectores primarios e a mobilidade; mellorar a conectividade, con especial foco no rural e apoiar a xeración de talento dixital e o crecemento do sector TIC.

Servizos públicos dixitais

En 2019 avanzarase na dixitalización dos servizos da Administración e de Xustiza cun investimento de 14 millóns de euros a través do Plan de Goberno e Administración Dixitais e do Plan Senda 2020. Para dar resposta aos retos da transformación dixital da Administración pública e garantir a custodia da información dos cidadáns e a dispoñibilidade dos servizos dixitais duplícase o orzamento en seguridade (chegando aos 3,8 millóns de euros) Vinculado ao anterior reforzaranse as infraestruturas coa ampliación da capacidade de almacenamento do Centro de Proceso de Datos Integral do Gaiás.

Innovación educativa e nos servizos sociais

O desenvolvemento da educación dixital disporá de 7,4 millóns de euros para 2019. Entre as actuacións previstas está a extensión da educación dixital no marco do Proxecto Abalar dotando ao alumnado e profesorado de novos dispositivos; proporcionando novos contidos educativos dixitais, e un Servizo de Soporte Premium de atención 24x7.
No ámbito dos servizos sociais, prevese unha dotación de 3,7 millóns de euros, parte dos cales se destinarán ao Plan Trabe para consolidar a Historia Única Social Electrónica (HSUE), que xa conta con máis de 600.000 historias dixitais, e á que xa se adheriron preto de 250 Concellos e á extensión do Sistema Integral de Xestión de Centros de Servizos sociais a 23 centros de persoas maiores e con discapacidade.

Conectividade

En 2019 duplícase o investimento en banda larga cun orzamento de 8.024.905 euros de fondos FEADER, para estenderanse redes de 100 Mbps en máis de 400 núcleos de zonas rurais e desenvolve unha nova actuación para facilitar a conexión das empresas illadas a estas redes.
Ademais, a Xunta aposta por converter a Galicia en rexión preferente no extensión da tecnoloxía 5G. Nos vindeiros días formalizarase a creación do Nodo Rexional 5G, integrado por Telefónica, Vodafone, Orange e coordinado polo operador público Retegal para lanzar en 2019 diferentes probas de concepto baseadas nesta tecnoloxía en ámbitos prioritarios para Galicia.

Sectores primarios e mobilidade

En 2019 desenvolverase a plataforma que permitirá unha xestión dixital do agro a través de medios tecnolóxicos innovadores (drons, sensores, sistemas de intelixencia de negocio, ...) para os controis sobre o terreo, ou a evolución dos cultivos nas parcelas. É unha das iniciativas de Programa Primare-agro, dotado con 2,2 millóns de euros no 2019, e para o que se apostou pola Compra Pública Innovadora. No sector da pesca este programa posibilitará a dixitalización de 35 lonxas.
O vindeiro ano poranse en marcha as principais medidas do Plan eMobility como a oficina virtual da mobilidade que permitirá a xestión integral e telemática da relación co sector do transporte, o portal e a app bus.gal, que prestará servizos á cidadanía como a xestión do transporte á demanda, o acceso ás rutas en tempo real e o pago a través do móbil.

Cultura, Patrimonio e Turismo

A iniciativa Memoria Dixital de Galicia con 2,5 millóns de euros en 2019 avanzará na aplicación das TIC para universalizar e conservar o patrimonio cultural galego incrementando os 310.000 obxectos dixitais recollidos en Galiciana, poñendo en marcha o sistema de inventariado, xestión e xeorreferenciación do catálogo de patrimonio cultural e bens de interese cultural e incorporando 80 novas bibliotecas ao catálogo colectivo único.
O Plan Smart Turismo conta con 1,2 millóns de euros para, entre outras medias, consolidar a xestión electrónica integral da inspección turística, e o avance en técnicas de Big Data aplicadas ao sector, dotar de medios tecnolóxicos nas 8 oficinas de turismo dependentes da Xunta de Galicia para ó achegamento ao peregrino.

Sociedade Dixital

A AMTEGA destinará máis de 1 millón de para as actividades do Plan de Inclusión Dixital a través da Rede CeMIT, que no vindeiro ano impartirá preto de 35.000 horas de formación gratuíta, coa previsión de incrementar en 8.000 os seus usuarios ata acadar os 88.000.
O Centro Demostrador TIC impulsará os servizos destinados a promover o a dixitalización das PEME galegas, 90 actividades nas que está previsto que participen máis de 1.000 asistentes

Impulso ao talento dixital e ao hipersector TIC

En colaboración con empresas do sector tecnolóxico desenvolverase a primeira edición do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2018-2020 para reducir a fenda crecente entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital, cun orzamento de 1,2 millóns de euros.
No marco do programa de impulso aos contidos dixitais DICO Mindset (dotado con máis de 1 millón de euros para 2019), realizarase unha nova edición do evento DICOSummit, para contribuír ao posicionamento de Galicia como punto de referencia do sector e lánzase a contratación da plataforma de contidos dixitais interactivos en colaboración coa CRTVG dentro do proceso de compra pública innovadora en marcha.
Durante o 2019 continuaranse apostando pola colaboración co sector tecnolóxico para acompañar as iniciativas de emprendemento dixital, cunha nova edición dos programas de Telefónica e Vodafone e coa posta en marcha a primeira edición dunha aceleradora no ámbito dos contidos dixitais en colaboración con R.

PUBLICIDADE