AGESTIC e Xóvenes Agricultores comezan esta semana a súa xira para a promoción da Rede no rural

mércores, 28 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

O programa Impulso Rural que na nosa terra están a desenvolver AGESTIC e Xóvenes Agricultores chegou esta semana a unha fase crucial da súa aplicación práctica: a xira de espallamento dixital polos eidos da nosa xeografía máis afastados das grandes cidades. A iniciativa, que se vai desenvolver entre xaneiro e marzo e que conta co apoio do Ministerio de Industria, inclúe 60 accións formativas noutras tantas localidades das nosas catro provincias. O obxectivo: fomentar fóra das grandes cidades a aposta pola Sociedade da Información, plena de vantaxes para absolutamente todos os sectores económicos e sociais do rural: até para os teoricamente máis afastados da cousa dixital. Máis polo miúdo, o que se pretende é afianzar os usos das redes da información na xestión das explotacións agro-gandeiras, cooperativas, empresas autónomas, negocios turísticos ou teletraballo.

Segundo informou AGESTIC en Santiago recentemente, aos obxectivos devanditos hai que engadir con esta medida un compromiso pola mellora de condicións de traballo dun colectivo especialmente ligado ao noso ámbito non urbano: o dos autónomos e autónomas, que arestora representan unha cifra de 234.000 cidadáns en Galiza.
A xira de Impulso Rural comezou o día 26 en Vilalba e Guitiriz para logo trasladarse a Viveiro e Burela (este mércores 28 de xaneiro), Foz e Barreiros (29), Cospeito e Castro de Rei (30), Monforte e Sarria (día 2 de febreiro), Monterroso e Lalín (día 3), Chantada e Vila de Cruces (día 4), Coles e O Carballiño (día 5 de febreiro), Boborás e Leiro (día 6), Ribadavia e Ponteareas (día 9), A Guarda e Tomiño (día 10), Tui e Mondariz (11), Redondela e Marín (día 12), Moaña e Vilagarcía (día 13), Arzúa e Melide (día 16), Vedra e A Estrada (día 17), Padrón e Cambados (día 18), Cuntis e O Grove (día 19), Boiro e Ribeira (día 20), Becerreá e A Fonsagrada (día 25), Mondoñedo e Mugardos (día 26), Betanzos e Pontedeume (día 27), Abegondo e Ordes (día 2 de marzo), Carballo e Santa Comba (día 3) e Vimianzo e Muros (día 4). Asemade, está programada (aínda que as datas e os horarios non sexan totalmente definitivas) a concorrencia da xira en O Barco e A Rúa (o 19 de marzo), en Maceda e Allariz (o día 20), en Castrelo de Miño e A Bola (o día 21), en Rairiz de Veiga e Xinzo de Limia (día 22) e máis en Verín e Castro Caldelas, o día 23.
Na imaxe, a presentación oficial da xira en Compostela.

PUBLICIDADE