AEMOS achega un servizo web para favorecer a busca de emprego

xoves, 24 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), da que falamos hai relativamente pouco nesta web para dar conta das súas iniciativas a prol da formación en liña entre os profesionais aos que dá acubillo, quere seguir dando continuidade á súa liña estratéxica a prol das novas tecnoloxías da información. Froito disto é a súa web (en permanente desenvolvemento e arestora con case 12.000 visitas ao mes), os cursos de innovación e, agora, unha bitácora directamente encamiñada a favorecer a busca e as ofertas de emprego no eido empresarial do dito complexo pontevedrés e da nosa terra en xeral. O novo blog, poste en marcha coa Consellería de Traballo, constitúe a xuízo de AEMOS “unha ferramenta de gran utilidade ao servizo de todas aquelas persoas demandantes activas dun posto de traballo”.
A importancia da ferramenta, engade a asociación, é dupla. Por unha banda cómpre ter en conta a súa utilidade nun contexto económico e produtivo normal. Pero, pola outra, hai que lembrar a situación de crise que estamos a vivir, no que calquera axuda para frear o desemprego debe ser benvida, informan dende AEMOS.
A ferramenta achega todo tipo de contidos para os colectivos desempregados: ofertas de emprego, bolsas, busca activa dun posto de traballo, emprego público, un espazo para os emprendedores, formación e ligazóns a outros portais semellantes e a páxinas web de interese para o usuario.
A posta en marcha deste blog responde tamén a unha situación concreta: a de ter constatado AEMOS que aquelas ferramentas da páxina web xenérica que recibían máis visitas eran as seccións de emprego. De feito, a activación da nova bitácora foi unha das causas do recente medre de visitantes rexistrados na web ao longo do último mes, cun incremento do 62% con respecto ao exercicio anterior. Falamos de case 12.000 accesos, o que supón unha media de 370 ao día, procedentes sobre todo de Vigo e a súa contorna e Madrid.

PUBLICIDADE