AELU, a Deputación e o Concello de Lugo volverán premiar o espírito innovador feminino

venres, 10 de decembro do 2021 S. P.

Este xoves 9 de decembro presentouse en Lugo a cuarta edición dos Premios Son Muller, convocados pola Asociación de Mulleres Empresarias para mostrar e recoñecer o espírito innovador e o talento emprendedor feminino que “fan medrar a provincia, especialmente a contorna rural”. As empresarias e emprendedoras lucenses interesadas en participar poden inscribirse ata o día 25 de decembro. As bases e a información sobre o certame, que ten apoio firme da Deputación de Lugo, atópanse na web específica da dita asociación. Na presentación dos premios participou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera.
Apoio da Deputación e o Concello
A Deputación de Lugo impulsa un ano máis os premios Son Muller, da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), na súa cuarta edición. O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou o valor destes recoñecementos que reivindican o talento feminino.
No acto, celebrado no salón de actos do CEI Nodus, tamén estivo presente a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), Beatriz Varela Regueira, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a responsábel da Zona de Lugo de Abanca, Zaira Dapena Castro.
Rivera Capón sinalou que “a Deputación de Lugo apoia a organización destes premios de AELU, froito da liña de diálogo e colaboración fluída e permanente que mantén co tecido asociativo e profesional da provincia para impulsar o seu labor”.
A Deputación colabora con estes recoñecementos cunha achega económica de 3.500€.
Estes premios están destinados a emprendedoras e empresarias lucenses, que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia, que estean dadas de alta como autónomas ou sexan parte dunha sociedade empresarial, así como que cumpran coas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.
A entrega de galardóns ás gañadoras terá lugar nun acto previsto para o vindeiro 29 de decembro.

PUBLICIDADE