A xornada sobre Machine Learning do CESGA amosou a importante actividade galega en sistemas intelixentes
xoves, 27 de outubro do 2016
Boa parte do noso xeito de traballar e informarnos
vai mudar radicalmente de aquí neste presente no que vivimos a
dentro duns dez anos. Algunhas destas novidades puidemos velas hoxe
na primeira edición do Machine
Learning Workshop Galicia 2016, unha xornada de traballo
organizada polo Centro de
Supercomputación de Galicia (CESGA) en
colaboración coa Rede
Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC e a empresa
Torus Software Solutions.
Segundo coincidiron boa parte dos participantes, as tecnoloxías
Machine Learning
son en certa maneira o caldo de cultivo do futuro: a base tecnolóxica
coa que está feita o día de mañá. O
punto de inflexión está marcado polo seguinte: a aparición de
algoritmos e sistemas que son quen de “entender” a información.
Canto máis medre esta, meirande e máis afinado será o
entendemento.
Isto, que
semella o argumento dunha novela de ciencia ficción é xa unha
realidade concreta que se impulsa, tamén, dende a nosa terra: dende
os nosos centros de I+D, centros tecnolóxicos, universidades e
laboratorios de empresa. O workshop
que organizou este xoves o CESGA ao
longo de todo o día
tratou precisamente de achegar unha xanela directa ao que se “coce”
en Galicia en materia de aprendizaxe de máquinas,
tecnoloxías intelixentes
e intelixencia artificial. Foi inaugurado por Javier García Tobío e
Andrés Gómez Tato, director e responsábel de Aplicacións e
Proxectos do CESGA. No espazo onde se desenvolveu o evento, o
Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do CSIC, xuntáronse
arredor de 100 persoas, entre investigadores, estudantes e
profesionais TIC das nosas empresas.
- Javier García Tobío e Andrés Gómez Tato, director e responsábel de Aplicacións e Proxectos do CESGA
Na apertura
de actividades, contra as 10.00 horas, Gómez Tato fixo un percorrido
polo potencial multi-ámbito do Machine Learning
e, nun plano máis concreto, polo programa de actividades da xornada,
integrado por 25 presentacións/relatorios a cargo de
investigadoras/es procedentes de todos os recantos da nosa terra.
Segundo lembrou, estas dúas ducias de intervencións “serven para
achegar unha completa visión do que se está a facer na nosa terra
coas técnicas e tecnoloxías da intelixencia artificial e a
aprendizaxe de máquinas en áreas como a estatística, a enxeñaría
ou a xestión empresarial”. Nun plano máis concreto, destacou o
potencial do Machine Learning (“conxunto de
tecnoloxías baseadas nas matemáticas, nos datos e nos algoritmos”) para optimizar, ao
longo dos anos vindeiros, cousas como o noso xeito de traballar, de
buscar mercados e afianzarnos neles, de analizar a información que
se xera nas redes, de investigar en fármacos e tratamentos, de
argallar mellores metodoloxías de atención médica, de optimizar
produtos e evitar
fallos de fabricación,
de controlar e facer seguimento dos recursos enerxéticos e
contaminar menos, de facer mellores controis de calidade, etc.
Gómez Tato
destacou especialmente os seguintes ámbitos de aplicación do ML: os
sistemas de recomendación (en base ao uso de algoritmos avanzados,
cada vez mellor desenvolvidos, máis técnicos e específicos, “pero
tamén máis opacos dende o punto de vista do programador”), as
tecnoloxías para o recoñecemento de fala, os recursos para a
tradución automática ou as ferramentas para predicir futuras
demandas de enerxía. “O abano de posíbeis aplicacións”, dixo,
“é tan grande como as demandas dos usuarios”. Segundo engadiu,
outro dos obxectivos do Machine Learning Workshop
Galicia 2016 foi
lembrar aos expertos que están a traballar hoxe en día con estas
tecnoloxías que o CESGA pon á súa disposición recursos concretos
de cálculo e computación avanzada, recursos como a súa Plataforma
de Big Data ou, tamén, o supercomputador FinisTerrae.
Entre os
participantes da xornada deste xoves 27 atopábase, como dixemos,
unha ampla representación do noso tecido investigador e empresarial
máis avanzado e innovador: o Centro Tecnolóxico
Gradiant, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da
Información (CiTIUS), o Centro de Investigación TIC da Coruña
(CITIC), o centro AtlantTIC (Universidade de Vigo), propio CESGA, o
ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial) e empresas
como Torusware, Abanca, SIVSA, Televés, Imatia, Situm, Indra, Bahía
Software, BigPress, OpenSistemas ou Zubilabs.
Comité científico
O comité científico do obradoiro estivo
integrado por Ricardo Cao (CITIC-UDC), Milagros Fernández Gavilanes
(AtlantTIC, UVigo), David Mera Pérez (CITIUS-USC) e Andrés Gómez
Tato (CESGA). O comité organizador está formado por Andrés Gómez
(CESGA), Juan Touriño (UDC), Fernando Bouzas (CESGA), Raquel García
(CESGA), Javier Cacheiro López (CESGA) e José Carlos Mouriño
(CESGA). Contouse, como dixemos, coa colaboración da Rede Galega de
Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPCn R2014/041 e Torusware.
Os sistemas Machine
Learning
A primeira
edición do Machine
Learning Workshop Galicia 2016 naceu co obxectivo de
presentar os proxectos e resultados derivados do emprego das
tecnoloxías Machine
Learning (ML)
nas universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e
empresas de Galicia, tanto no que se refire ao seu uso como a nivel
de desenvolvemento específico de novos algoritmos. A base deste
evento foi a seguinte: a necesidade de afondar nas posibilidades que
se abren cos recursos Machine Learning, unhas tecnoloxías (as
asociadas á aprendizaxe máquina) que se empregan cada vez máis en
eidos como a investigación ou a xeración de servizos vinculados á
Sociedade da Información (servizos de recomendación,
clasificadores, etc.), así como na xestión dos sistemas de
produción (detección de anomalías, predición de erros, sistemas
de control, etc.).