A versión candidata de Windows 7 funcionará de balde ata xuño de 2010

luns, 4 de maio do 2009 Marcus Fernández

A versión candidata de Windows 7 pode instalarse en español

A xente de Microsoft parece estar moi segura da versión candidata do Windows 7, pois en vez de limitala a desenvolvedores de software e fabricantes de hardware, a ofrecen de balde para calquera que a queira descargar ata o 30 de xuño, podendo utilizarse este novo sistema operativo ata xuño de 2010 (aínda que a partir de marzo de 2010 apagarase cada 2 horas de uso, avisando da caducidade da licenza de uso), o que podería disparar a implantación do Windows 7 a nivel mundial incluso antes da súa chegada ás tendas (que podería ser no outono).
O Windows 7 Beta xa conta con millóns de usuarios, pero esta nova versión xa non sería unha mera beta senón que está moi próxima a un produto final e, entre outras cousas, pódese descargar en español, o que ampliará enormemente o seu público potencial.
De todos os xeitos hai que precisar que o Windows 7 RC non é un Windows 7 normal, e aínda que poida instalarse coma actualización de Windows Vista, recoméndase unha instalación por separado xa que remado o período de proba de 1 ano non será posible actualizar o sistema á versión completa (que precisará dunha instalación limpa) e tampouco permite actualizacións dende Windows 7 Beta.
Polo momento a descarga da versión candidata de Windows 7 está limitada a subscritores de MSDN e Technet, abríndose este martes ao público en xeral, que poderá descargalo dende a web de Microsoft e solicitar un número de serie para a súa instalación, aínda que na actualidade é moi doado atopar a nova versión do sistema operativo en redes P2P (e os números de serie do Windows 7 Beta son compatibles coa nova versión).
O ofrecemento do Windows 7 de balde durante un ano podería servir para limpar a mala imaxe creada por Windows Vista (recuperando a confianza en Microsoft), á vez que podería gañar clientes para a nova versión de Windows, aínda que Microsoft non anunciou a política de prezos do novo sistema (especialmente no tocante a actualizacións dende versións anteriores).
Windows Vista no seu día contara con 2 versións candidatas, cun límite de uso duns 3 ou 4 meses, polo que o cambio de política con Windows 7 é unha agradable sorpresa, que permite que a migración a 7 poida facerse con certa calma, pois esta entrega permitirá probar o sistema en distintos equipos para compensar se paga a pena actualizar o Windows, especialmente en usuarios de equipos vendidos con Vista preinstalado que actualmente funcionan con Windows XP.

ACTUALIZACIÓN (5-5-2009): O Windows 7 RC xa está dispoñible para a súa descarga dende a páxina web de Microsoft, tanto na súa versión de 32 bits como a de 64 bits.

PUBLICIDADE