A tecnoloxía galega ponse ao servizo do transporte de mercancías

mércores, 20 de xullo do 2011 Raquel Noya

Ao longo dos seus máis de 14 anos de experiencia no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas á medida, foron moitos os clientes (máis de 900) que confiaron no bo facer da galega Ayco, unha das firmas punteiras do Estado na xestión de proxectos de I+D+i.
Unha das primeiras compañías do seu sector en incorporar tecnoloxía de Ayco foi Transportes Pellejero e Hijos, empresa con máis de 40 anos de experiencia no transporte de mercancías, que confiou no bolígrafo dixital Black Pen, un sistema de xestión de información da compañía, que permite dixitalizar e enviar en tempo real os albaráns dos seus transportes, completando en poucos minutos procesos administrativos que antes, segundo indican, “levaban varias xornadas de traballo”.
Deste xeito, dende que se cumprimenta o albarán ata que se incorpora ao sistema de xestión da central apenas transcorren uns minutos, un proceso que sen o Plack Pen levaría varias xornadas de procesado e tramitación.
Os responsables da firma de transportes afirman ter apostado polo I+D “para reducir os procesos administrativos, axilizar a facturación e dispor de información en tempo real sobre o estado dos envíos”, tarefas que a tecnoloxía que acaban de incorporar axiliza notablemente.
Asemade, o bolígrafo dixital mellora a xestión da información, evita a perda de datos, axiliza o proceso de facturación e establece un control en tempo real do estado dos envíos, algo que o xefe de Tráfico de Transportes Pellejero e Hijos, Diego Pellejero, salienta como moi favorable.
Antes de empregar este sistema, dúas persoas tiñan que desprazarse a diario ata os diferentes puntos de descanso dos nosos camións para recoller en man os albaráns da xornada e unha vez na oficina investir varias horas introducindo os datos de tódolos albaráns no noso sistema de xestión”, indica Pellejero; “coa tecnoloxía Black Pen, este proceso automatízase, e se antes se demoraba durante varias xornadas de traballo, agora pode durar tan só uns minutos”, afirma.
Outra das novidades en innovación incorporadas por Transportes Pellejero e Hijos é a instalación (en tódolos seus vehículos dedicados ao transporte de mercancías xerais) dunha impresora térmica conectada a un dispositivo Blackberry, que lle permite ao transportista levar consigo un documento de control con información relevante sobre o transporte (data e lugar de carga, destino, tipo de mercancía, identificación do cliente...).
Coa incorporación desta tecnoloxía, a empresa pode garantir en todo momento que cada transporte realizado vai acompañado do documento de control, e que a información que nel se recolle é correcta, cumprindo así coa lexislación vixente.

PUBLICIDADE