A sala Normal da UDC acolle unha exposición dun proxecto de investigadores do CITIC

luns, 23 de decembro do 2019 Redacción

A sala Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, acolle estes días unha exposición destinada ao electromagnetismo e a un proxecto de detección de pegadas indutivas realizado por catro investigadoras e investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC): Paula Castro, Adriana Dapena, José Lamas e Francisco Vázquez. A iniciativa, baixo o título Divulgando o noso, conta coa colaboración da Unidade de Divulgación Científica da UDC e a Deputación da Coruña.
Esta iniciativa ten “o obxectivo de difundir ao público os contidos dos proxectos de investigación a través de exposicións, obradoiros, etc. para contribuír a mellorar a cultura científica da sociedade e a percepción que a cidadanía ten do labor dos investigadores da UDC”.
Na mostra expóñense ademais os detalles do proxecto Pegadas indutivas, unha iniciativa de investigación de control de tráfico vehicular intelixente desenvolvido por investigadores do CITIC. Baséase no fenómeno físico da indución electromagnética para deseñar detectores de pegadas de vehículos nas estradas, empregando bobinas incrustadas na calzada e un sistema electrónico de medida e rexistro. As pegadas indutivas rexistradas permiten identificar o tipo de vehículo, estimar a súa velocidade e determinar o grao de ocupación da vía.
Ademais, estas mostras van acompañadas dunha oferta de obradoiros destinados a diferentes idades e ao público en xeral. Son de balde previa inscrición a través do correo divulgacion.vepeu@udc.gal. A programación é a seguinte:
· Infantil (6-12 anos): 22 de xaneiro, de 17:30 h a 18:30 h (10 prazas) e de 18:45 h a 19:45 h (10 prazas).
· Adultos: 24 de xaneiro de 11:00 h a 12:00 h (20 prazas).

PUBLICIDADE