A rede social Pleiteando.com inicia dende Lugo unha nova andaina en aberto

luns, 7 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Pleiteando.com, rede social da que xa falamos nesta web con motivo da súa posta en marcha dende Lugo, vén de comezar unha nova andaina na Internet. O servizo en cuestión, que é o primeiro das súas características (2.0) que se materializa no eido estatal para tratar temáticas do eido xurídico, será a partir de agora máis aberto e máis universal. Segundo informan os responsables da web, habilitada dende o viveiro de empresas da Fundación CEL en febreiro de 2009, xa está dispoñible dende o pasado venres a beta pública de Pleiteando.com, o que entre outras cousas significa que se poden unir a ela todas/os as/os internautas que queiran formular e resolver problemas legais, establecer contactos profesionais ou compartir as súas cuestións de índole xurídico con xente que estivera ou que estea nunha situación semellante.
Asemade, engaden, o portal tamén estará a disposición da comunidade internauta cun bo número de servizos legais.
A web, para quen non o saiba, ten tres faces estruturadas con cadansúa función. En primeiro lugar, a propia rede social, habilitada para crear contactos profesionais e persoais. A continuación, o foro de dabe, onde se desenvolven e resolver cuestións legais e xurídicas. A novidade propiamente dita estaría na opción acabada de engadir para crear grupos específicos arredor de intereses comúns. Segundo informan os responsables da web, esta funcionalidade xa está a dar a os seus primeiros froitos, máis polo miúdo a través de colectivos en liña sobre a protección de datos, Web 2.0, comercio electrónico ou dereito de consumo. “Outras innovacións introducidas”, sinalan dende Lugo facendo referencia a máis novidades postas en xogo, “permítenlle a Pleiteando que os usuarios vinculen o seu perfil a outras redes sociais como Twiter ou Facebook, establezan seguimentos RSS das consultas, escriban no blog ou coñezan as noticias máis relevantes de España, América do Sur, Norteamérica e Centroamérica”. Amais de todo isto, cómpre sinalar que Pleitando lle deu forma (a través dun acordo con ConfirmSign) este ano ao evento LaconNetwork, unha xuntanza de profesionais especialistas en computación na nube e que xa leva celebradas cinco edicións.

PUBLICIDADE