A plataforma Innopharma (USC) incrementa as súas capacidades grazas a unha achega de GAIN

venres, 29 de setembro do 2023 S. P.

A plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, liderada dende o CiMUS da USC polos investigadores Mabel Loza e Ángel Carracedo, incrementou a súa capacidade e competitividade internacional logo da dotación de cinco millóns realizada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia nos últimos tres anos a través do Fondo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
“Con este financiamento, Innopharma poderá continuar cumprindo co seu obxectivo de contribuír a que novos fármacos cheguen a pacientes, ofrecendo aos grupos de investigación biomédica do Sistema Universitario Galego e dos Institutos de Investigación Sanitaria, así como á comunidade científica en xeral o seu apoio na xeración de produto e servizos orientados á saúde”, indicou Mabel Loza durante o acto de presentación desta ampliación, celebrado este venres 29 de setembro. A xornada celebrouse nun encontro presidido pola vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo, e na que tamén interviñeron a directora de GAIN, Patricia Argerey; o representante da empresa ABAC Therapeutics, Domingo Gargallo, e os coordinadores do proxecto, Ángel Carracedo e Mabel Loza.
Segundo explicaron, o financiamento recibido “permitirá adquirir e actualizar o equipamento científico-técnico do proxecto; contratar persoal especializado no manexo das novas tecnoloxías e acondicionar as instalacións ao novo equipamento”.
Loza e Carracedo fixeron saber que os fondos recibidos permiten ampliar as metodoloxías e tecnoloxías automatizadas compatibles con tratamento por Big Data (análise de información a gran escala), coa finalidade “de aumentar a capacidade do sistema de I+D+i galego para o descubrimento temperá e desenvolvemento de fármacos en Galicia, así como fornecer o sistema sanitario galego con dotacións necesarias para acelerar estes procesos”.
Esta plataforma ERIC de farmaco-xenómica da USC permite a captación de proxectos internacionais e desempeña un papel relevante no desenvolvemento de tecnoloxías traslacionais automatizadas con infraestruturas de investigación de vangarda.

PUBLICIDADE