A plataforma GaliciaLe triplicou o número de usuarios dende o inicio da pandemia

luns, 26 de outubro do 2020 S. P.

As nosas bibliotecas celebraron este 24 de outubro o Día da Biblioteca, unha celebración que de xeito xenérico enxalza os beneficios da lectura e que, nun plano específico, conmemorou este ano o importante papel que xogan a cultura, o lecer, o coñecemento e as propias bibliotecas en tempos tan adversos como estes nos que estamos mergullados. Entre as celebracións incluídas este ano incluíuse unha reivindicación dos recursos electrónicos destinados a aproximarnos aos libros, entre os que salienta especialmente GaliciaLe, a plataforma de préstamo dixital da Xunta de Galicia, que, segundo puidemos saber, triplicou o número de usuarios desde o inicio da pandemia.
Segundo explicou o Goberno galego, dende que se decidiu facilitar as condicións de acceso por mor das restricións do confinamento, empregaron este portal preto de 24.000 persoas, das cales case 9.000 foron novos usuarios. “Trátase”, sinala a Xunta, “dunha cifra que triplica a rexistrada en todo o pasado ano, no que o número de usuarios activos eran 7.300”.
Aos devanditos datos engádese o feito de que dende o mes de marzo tamén se incrementara a cifra de préstamos nun 20% ata case 68.000 exemplares, ao que se suma un notábel medre no número de persoas que fixeron uso do catálogo en galego (os usuarios na nosa lingua arestora son máis do dobre cós do ano pasado). Segundo explicou a Xunta, este crecemento en todos os indicadores fixo que se aplicaron unha serie de melloras no servizo, como reforzar o número de licenzas, incorporar novos títulos, manter máis actualizada a plataforma ou incrementar e repoñer as licenzas das obras máis demandadas para acortar os tempos de espera.
Amais, co fin de afondar no apoio aos sectores culturais, a Xunta decidiu incrementar este ano nun 54% as axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e axencias públicas de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. En total, o Goberno autonómico inviste 800.000 euros e benefícianse preto de 200 concellos. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a relación de concellos que se beneficiaron da convocatoria extraordinaria de subvencións, dotada de 300.000 euros, para este fin como parte dos compromisos do Plan de Reactivación do sector cultural para reforzar o apoio ao sector editorial galego. Súmase á convocatoria ordinaria de 550.000 euros xa resolta.

PUBLICIDADE