A novela interactiva Ti Primeiro xa superou as 10.000 descargas

xoves, 9 de setembro do 2021 S. P.

A novela visual e interactiva Ti Primeiro xa supera as 10.000 descargas desde o seu lanzamento internacional hai un mes, con feitura de aplicación móbil para iOS e Android e en seis idiomas (incluído o galego). Ademais de en España, os usuarios de países como Italia, Brasil ou India xa probaron esta ferramenta-novela, coa que o usuario pode escoller o camiño das súas protagonistas. Está escrita, dirixida, producida e protagonizada polo galego Roberto Alvite (fundador da produtora da nosa terra Melgo Cinema) e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a participación de CREA SGR e o financiamento de Triodos Bank.
“Con Ti Primeiro”, explica Alvite, “xa chegamos a miles de usuarios de recunchos inimaxinábeis. Creo no valor da diversidade e por iso desde o cine, a literatura e os videoxogos quixemos traballar tendo esas realidades moi presentes. Alégrame comprobar que un proxecto tan arriscado coma este pode ter impacto positivo entre un público do máis diverso a nivel internacional”.
A través da aplicación, os usuarios teñen a oportunidade de se introducir na intimidade dunha parella e elixir o camiño das súas dúas protagonistas que, tras meses de convivencia, deciden dar un paso máis e ter unha relación aberta.
“As nosas vidas están marcadas polas etapas que imos superando, ben froito da madurez ou das experiencias vitais”, continúa Alvite, engadindo que “o xénero romántico permítenos emocionarnos xunto ás personaxes e, axudados pola narración interactiva, o usuario fai propios os éxitos e fracasos desta parella”.
A descarga do primeiro capítulo é gratuíta mentres que o prezo conxunto dos dous capítulos restantes que completan a experiencia atópase en 4€.
Sinopse
Existe unha única forma correcta de amar? Álex e Sebas están na cúspide da súa vida. Para eles todos os días sobordan amor, sexo e simpatía o un polo outro. Cando a parella decide abrir a súa relación, espera descubrir novos praceres á vez que manter e fortalecer o seu proxecto de vida. Esta nova experiencia axudaraos a descubrir outros xeitos de medrar e querer como persoas.
Lanzamento e filosofía de Ti Primeiro
Os tres episodios que compoñen esta experiencia innovadora protagonizada pola actriz Iris Darriba e Roberto Alvite, xa están dispoñíbeis para iOS e Android en seis idiomas: galego, español, inglés, francés, italiano e portugués de Brasil. Cada episodio, de aproximadamente 60 minutos de duración, representa a evolución dos personaxes ao longo dos anos. En datas vindeiras, Melgo Cinema ten previsto introducir novos idiomas, plataformas e públicos.
A contorna que serve de escenario a Ti Primeiro, para a que se usaron máis de 400 fotos de emprazamentos reais, foi rodada en localizacións da cidade da Coruña (Galicia) e os seus arredores.
Patrocinios e colaboradores
O proxecto contou coa colaboración da Deputación Provincial de Coruña, a participación de CREA SGR e o financiamento de Triodos Bank.

PUBLICIDADE