A nova edición de Google I/O amosa o potencial de evolución de Android

mércores, 25 de xuño do 2014 Marcus Fernández

A sétima conferencia anual para desenvolvedores Google I/O que botou hoxe a andar en San Francisco parece que non podería ir mellor, pois os 6.000 asistentes presenciais e os millóns de usuarios que seguiron o evento en directo a través de streaming puideron ver as grandes novidades que prepara a compañía de Mountain View para os vindeiros meses, unha auténtica vaga de anuncios que deixa claro que, pese a resultar moi difícil conseguir grandes revolucións no sector TIC actual, queda moito espazo para pequenas innovacións que conseguen dinamizar o mercado.
Un dos puntos fortes de Google neste tipo de eventos é Android, o seu sistema operativo móbil, que actualmente empregan uns mil millóns de persoas, e que xa prepara unha imporante revisión, que tras KitKat responde polo momento só a Android L, que chegará a finais de ano, pero do que haberá unha versión preliminar para desenvolvedores con dispositivos Nexus, o que permitirá que vaian explorando as posibilidades como a súa nova interface gráfica Material Design (que supón un importante salto no deseño de sistemas operativos móbiles), apostará polo motor ART (que promete non só un mellor rendemento que Dalvik, senón que tamén contará cun novo modo de aforro de enerxía e dará soporte para procesadores de 64 bits) e contar cunha interface de multi-tarefa semellante ao formato de tarxetas co que actualmente podemos movernos entre fichas de Chrome.

Android fóra do móbil

Unha das grandes apostas de Google para o seu sistema operativo móbil é trasladalo a dispositivos que vaian máis aló dos tablets e smartphones, como o xa comentado previamente Android Wear e unha novidade interesante: Android Auto.
Android Wear é a tecnoloxía que polo momento apunta aos smartwatches, dos que un par xa sairán hoxe mesmo á venda nos EE.UU., o LG G Watch e o Samsung Gear Live, que comezarán a entregarse a partir do 7 de xullo, mentres que o atractivo Moto 360 chegaría en setembro ao mercado.
Android Auto, pola súa banda, quere facilitar a conexión dos smartphones con Android ao automóbil, potenciando a navegación GPS mediante Google Maps, podendo gozar de listaxes de música personalizadas e emisoras de radio de Play Music, permitindo realizar buscas por voz e contando tamén cos recordatorios de Google Now, todo manexado mediante a voz, evitando así ter que tocar o móbil durante a condución.

Mirando o televisor

A popularidade do Chromecast de Google é innegable, e aínda que as súas funcionalidades aínda son moi limitadas, a cousa vai camiño de mudar considerablemente, xa que contará con novas prestacións como a posibilidade de personalizar a súa pantalla de inicio, permitir que varios usuarios accedan ao Chromecast sen estar na mesma rede Wi-Fi, e a posibilidade de transmitir a pantalla do smartphone ou o tablet directamente ao televisor, o que, sen dúbida, será a funcionalidade mellor recibida polo público.
Aínda que Google xa leva varios intentos de achegarse aos televisores, tras o rotundo fracaso de Google TV queren volver a intentalo, e presentan agora Android TV, que busca levar as aplicacións e os xogos ao salón doméstico, de xeito que poderemos contar en breve con pequenos dispositivos conectados ao televisor que permitirán o seu control mediante a voz, ver películas de Google Play, reproducir vídeos de YouTube... pero con toda a potencial de Android, para poder gozar de aplicacións, o que abrirá novas posibilidades.

Android One

Sundar Pichai deu conta da iniciativa Android OnePero aínda que todas estas novidades parezan orientadas a un mercado inmenso, Google quere chegar aínda máis aló, abríndose a territorios emerxentes, para os que considera que os smartphones son a mellor fiestra á Internet, de aí que presenten a iniciativa Android One, que pretende establecer unha plataforma de hardware de referencia en colaboración con varios partners para facer posible que estes comercialicen móbiles bastante completos que poderían venderse por prezos inferiores aos 100 dólares, e que comezarían a venderse o vindeiro outono na India.

Outras novidades

Entre todas as grandes novidades das que dimos conta houbo moitos outros anuncios que poden resultar de grande interese, como o feito de que Chrome OS avanza na súa integración con Android (podendo correr aplicacións de Android); Google Docs permite editar de xeito nativo documentos de Microsoft Office (conservando o seu formato); e a plataforma Google Fit facilitará a centralización e sincronización dos datos de aplicacións deportivas e de saúde.


O futuro de Android resumido nun vídeo promocional

PUBLICIDADE