A nova Pont-Up Store recibiu un 50% de candidaturas máis que en 2018

martes, 11 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

As entidades impulsoras do encontro de emprendemento Pont-Up Store, destinado a situar Pontevedra no epicentro galego e estatal das enerxías aplicadas á innovación, presentaron hoxe (oficialmente) a nova edición do evento, baixo un lema que fala por si só da importancia que xogan no acontecemento as emprendedoras e emprendedores visionarias/os: O impulso da xente valente. Entre as novidades principais da nova convocatoria figuran as seguintes: unha romaría creativa, un recanto adicado ao emprendemento senior, un laboratorio rural de creación de proxectos e, segundo fixo saber a organización, “unha manchea de iniciativas arredor da industria dos videoxogos”.
Tamén se fixo saber que a sexta edición da Pont-Up Store desenvolverase os días 19, 20 e 21 de setembro na praza de España de Pontevedra e que este ano a participación será máis relevante ca nunca: xa se recibiron un 50% máis de candidaturas de iniciativas innovadoras có ano pasado.
Na presentación participaron o concelleiro de Normalización Lingüística e Xuventude, Alberto Oubiña, o responsábel de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; e o director da feira, Pedro Figueroa.
Segundo informaron, dende o pasado 30 de maio está aberto o prazo para presentar candidaturas e participar na 6ª edición deste encontro, que “aposta por sacar o emprendemento á rúa” e que este ano volve propoñer tres modalidades de participación: presentar un proxecto innovador nunha das 35 casetas gratuítas dispoñíbeis; propoñer actividades de demostrativas dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés (no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a representantes de importantes empresas e entidades galegas).
Nesta edición contarase co apoio das firmas EDISA, Hifas da Terra, Roi Scroll e Casa Grande de Xanceda.
As candidaturas pódense presentar a unha ou varias modalidades até o 7 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o 23 de xullo.
Pedro Figueroa explicou que “até o de agora recibíronse 49 candidaturas procedentes dun total de 31 empresas, o que significa un crecemento do 50% con respecto á edición anterior”. Amais, engadiu, un 60% das solicitudes recibidas son proxectos radicados nas cidades e hai un 40% de empresas con base no rural que sorprenden con propostas baseadas na tecnoloxía.
Polo que respecta á campaña deste ano (O impulso da xente valente), quere poñer en valor “o risco que asumen as persoas que deciden emprender para agradecerlles a valentía de apostar por unha idea, entregando o seu tempo e o seu esforzo para facer realidade proxectos que tantas veces contribúen a mellorar a vida da nosa sociedade”. A imaxe da campaña é obra da ilustradora galega Iria Prol.
Como dixemos, o evento vai poñer o foco no eido dos videoxogos, amplificando algunha das actividades xa iniciadas en edicións previas. Haberá, con respecto ao ano pasado, máis espazos de exposición onde os visitantes poderán conversar con profesionais do sector, meirande número de obradoiros de formación e charlas, e competicións de eSports nas plataformas máis concorridas. Todo isto formará parte desta edición do Espazo Gaming Pont-Up Store 2019. Asemade, presentarase o evento Pont-Up Hobbypont 2019 by Hobbycon, unha actividade rebordante de videoxogos, animación, cómics e xogos de mesa, entre outras vertentes do lecer.
O Pont-Up Store está liderado polo Campus Crea de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello local como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores, co obxectivo común de converter Pontevedra “na capital galega das mellores iniciativas empresariais”. Este ano, súmanse a este gran equipo FINSA, Gadis, AEMPE e a Secretaría Xeral de Igualdade.
Galician Rural Lab
No marco da nova edición da feira, a emprendedora Alba Sotelo vai presentar unha experiencia de desenvolvemento rural orientada á formación audiovisual na que se inclúe a gravación dun programa de radio en directo durante o evento e un proxecto de podcast arredor de iniciativas de emprendemento. Ademais, no Espazo Fab Lab desenvolveranse obradoiros de stop motion para nenas e nenos de 1 a 12 anos; e unha charla educativa para pais, nais, titores e titoras, sobre o uso das tecnoloxías nas xeracións nativas dixitais.
Amais, no Espazo de Economía Social e Creativa vaise organizar unha cata de ideas arredor do proxecto Interrreg Va-Laces; un mural de co-creación baseado nunha economía con valores sociais e responsábeis; e unha xuntanza de empresas culturais e creativas que traballan desde fórmulas de emprendemento social. Tamén se convocarán, como cada ano, os encontros anuais de distintas entidades do ecosistema emprendedor como Espazocoop, A Redeira, AJE Galicia, Wordpress ou Mulleres Atlánticas.

PUBLICIDADE