A mocidade ten os días vindeiros unha cita coa robótica en Ponteareas

venres, 12 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A xente nova que queira dar pasos adiante en materia de programación e robótica, aprendendo e divertíndose ao mesmo tempo, vai ter unha boa oportunidade para facelo esta Semana Santa en Ponteareas, concretamente entre o luns e o mércores. A cita vén da man da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, que dirixe Verónica Carrera, e máis da iniciativa tecnolóxica e docente Roboteach.
Este Obradoiro de Iniciación á Robótica e á Programación co mClon.org está dirixido a mozos e mozas de secundaria e bacharelato que se poden inscribir na web www.roboteach.es/ponteareas ou no número de teléfono 656 57 11 40. A actividade, que é cen por cen de balde, ofrece desta volta quince prazas para participar no obradoiro, que se desenvolve en horario de 10 a 13 horas. A actividade forma parte do programa específico para os mozos e mozas de Ponteareas, Mocidade Viva.
Para quen non o saiba, mClon é un robot educativo de baixo custo baseado no hardware-software libre Arduino e que salienta pola súa versatilidade para dar forma a múltiples enxeños e para adaptarse a unha manchea de niveis educativos. Está especialmente indicado para traballar en secundaria e bacharelato. Podar ser montado por calquera usuario con independencia dos seus coñecementos, afacéndose ás súas necesidades e requirimentos.

PUBLICIDADE