A galega Own The Way pon en marcha un portal-comunidade sobre audioguías turísticas

mércores, 15 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Own The Way, especializada na produción de material tecnolóxico-audiovisual para o pulo de destinos turísticos e espazos culturais, está a presentar estes días o seu espazo web sobre audioguías. Entre outras cousas, o sitio servirá para informar polo miúdo da aplicación de Own the Way dirixida ao deseño de audioguías para os sistemas operativos Android e iPhone, programas de manexo de trebellos móbiles. Esta experiencia, materializada xa na produción de material turístico sonoro para concellos de Covelo, Santiago, Padrón, Forcarei ou Baiona, está visible a partir de xa na páxina web de Own The Way, un portal que, como dixemos, encamíñase á comercialización e descarga destas audioguías e, tamén, ao subministro doutros recursos de información turística e cultural.
En palabras dos responsables da empresa galega, “a través deste portal os usuarios poden ter acceso directo a este material tecnolóxico e compartir as súas propias guías cos demais usuarios”.
A web, que ten o apoio da Xunta a través da Consellería de Economía, constitúe un acceso directo á experiencia e innovación de Own The Way, unha experiencia e innovación que se traduce en guías de son para reprodutores de MP3, puntos de información multimedia, material explicativo de museos, podcast, navegadores GPS Garmin con función de reprodución MP3... en definitiva, para calquera dispositivo con capacidade para reproducir audio.
Dáse a casualidade de que os recursos da firma galega postos a disposición dos internautas participan dunha boa parte das características da Rede do noso tempo, a que propón un diálogo directo cos seus usuarios para a súa construción. Desta maneira, Own The Way concibe ao usuario como o protagonista da súa propia experiencia, sendo a ela ou a el a quen pertence a visita. “Promover e transmitir sensacións fronte ao contorno é o obxecto das nosas audioguías, amais de empregar para cada paso a tecnoloxía máis acaída”, comentan os responsables da empresa galega. Froito deste interese por facer algo orixinal e dinámico é a arela de apostar por unha tecnoloxía “única e entretida que se poña ao servizo dos contidos co obxectivo último de crear experiencias”, engaden. Isto non sería posible sen un equipo humano que cubrise con o seu coñecemento especializado tódolos elos da cadea de valor. De feito, na produción destes recursos audiovisuais participan persoas das máis variadas disciplinas: guionistas, tradutores, documentalistas, técnicos de son, tecnólogos, programadores, locutores, etc. O resultado de toda esta bagaxe tecnolóxica e humana é unha chea de guías sonoras para as máis diversas funcións e cometidos, entre os que se conta a promoción de espazos naturais, urbanos, museos, percorridos a pé, itinerarios en automóbil, reprodutores de MP3, smartphones, tablets iPad e Android, etc.
Cada guía posta en marcha, explican, leva parello o desenvolvemento dun variado abano de servizos de tipo complementario, como por exemplo unha páxina web para a difusión do material sonoro e a súa descarga, o desenvolvemento de mapas e folletos co trazado da ruta ou o deseño de contidos en realidade aumentada. Tamén implica, entre outras moitas cousas, a definición de rutas e máis a identificación de puntos de interese (POI) relevantes.
Polo que se refire á súa páxina web, dicir que é punto de información de primeira orde sobre isto que acabamos de contar. A web, posta en marcha recentemente, xorde coa finalidade de abranguer e centralizar o importante número de audioguías existente na Rede e converterse nun punto de referencia á hora de descargar este tipo de recursos de calquera destino ou espazo de interese cultural. A orixe da web, contan os responsables da mesma, haina que procurar en 2008, cando a empresa galega comezou a desenvolver o seu primeiro material de apoio turístico de tipo tecnolóxico, trala constatación dun importante baleiro: a dun sitio de referencia no que consultar e descargar o xa publicado. Así nolo explican: “Un turista ou un visitante dun espazo cultural víase obrigado a buscar pola rede audioguías publicadas en webs de información turística ou cultural, sen que existise un punto de partida concreto que facilitase a súa procura; polo tanto, Own The Way naceu co obxectivo de aglutinar e crear unha comunidade de usuarios de audioguías, un espazo ao que acudir antes de iniciar unha viaxe ou unha visita e desde o que poder descargar no reprodutor de cada quen (móbil, MP3 ou GPS) a guía en audio”.
Cómpre subliñar que a web é unha estrada en sentido duplo. De feito, non é un sitio no que facer só descargas, senón que tamén é posíbel que os usuarios suban as súas propias audioguías e as compartan cos demais. E todo isto cumprindo ao máximo co regulamento vixente en materia de protección de datos. Amais disto, en cada itinerario temos a oportunidade de facer comentarios e recomendacións de xeito que, paseniño, se vaia mellorando cada achega, amais de complementarse a oferta informativa sobre cada percorrido.
Só con se rexistraren”, contan os impulsores deste proxecto, “os usuarios poden acceder a información detallada das rutas publicadas; poden atopar mapas dos percorridos, arquivos GPX para os seus navegadores GPS, arquivos de audio en diferentes idiomas (inglés, francés, galego, castelán…)”.
Por certo que cada ruta faise acompañar dunha galería de imaxes e dun mapa exhaustivo no que se achega unha visualización dos principais puntos de interese (POI) da ruta xeorreferenciados.


Vídeo promocional da compañía viguesa Own The Way

PUBLICIDADE