A galega Krasis presenta a súa plataforma de formación na xuntanza E-Learning 2007 en Madrid

luns, 7 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Mañá comeza en Madrid a xuntanza E-Learning 2007 (unha das máis importantes do estado español no que se refire a formación en liña e que fica aberta até o día 9) e, polo que puidemos saber, vai haber representación galega. Polo de agora, sabemos da participación de Krasis, empresa con sede en Vigo e que acode co obxectivo de relatar a súa experiencia no eido da ensinanza a través das novas tecnoloxías, novo xeito de aprendizaxe que achega grandes posibilidades no laboral, onde moitas veces (precisamente por estar traballando) non é posible acudir en persoa ás sesións formativas dos posibles cursos que se ofrezan.
Neste senso, Krasis presentará a súa propia plataforma de teleformación, SELF, empregada hoxe en día por empresas de todo o estado español para impartir máis de 40.000 cursos, segundo informa a firma galega nun comunicado.
Cómpre sinalar que SELF, a gran aposta de Krasis no e-learning (e un dos grandes motivos polos que foi seleccionada polo Instituto for International Research para estar na reunión en Madrid), está especialmente encamiñada para empresas con elevadas necesidades de personalización e de xestión de alumnos.
Durante o último ano e medio, a firma de Vigo impartiu directamente máis de 2.000 cursos en tecnoloxía Microsoft a través do seu proxecto campusMVP. Na reunión que comeza mañá está prevista a participación nunha mesa redonda sobre formación a distancia do director xeral da empresa, José Manuel Alarcón.

PUBLICIDADE