A fibra óptica chegará aos núcleos rurais de Teo

martes, 26 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O concello de Teo vai dar un paso importante en materia de dotación de redes ultrarrápidas. Segundo vén de informar o Goberno local, até un total de 14 núcleos rurais de poboación do municipio contarán con tecnoloxía FTTH (fibra até o fogar) para equipar ás familias residentes nestas contornas con Internet de última xeración, aos que cómpre engadir outros 5 onde se está a optimizar arestora a cobertura de rede. Os traballos, coma os que avanzamos onte polo Concello de Oleiros, serán posíbeis grazas ao Plan Banda Larga 2020 impulsado pola Administración autonómica e estatal con fondos europeos.
Este plan, do que falamos recentemente en Código Cero con motivo da presentación das importantes actuacións no rural que inclúe, prevé o despregue de redes ultrarrápidas na Galicia non urbana no período comprendido entre 2018 e 2020, uns labores que serán desenvolvidos por Teléfonica e que terán co-financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). O resultado será que unha parte moi relevante das nosas vilas de pequeno tamaño e das nosas aldeas e miúdos núcleos de poboación contarán con servizos de acceso a Internet de máis de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica.
En Teo os núcleos beneficiados serán os seguintes: Cesar, Cornide, Folgueiras, Crela, Pite, Espasande, Ínsua, Regoufe, Rarís, Olveira, Pontevea, Ribeira, Campos e Vilariño. Noutros núcleos como Ameneiro, Balcaide, Casalonga, Fixó e Osebe tamén se están facendo actuacións que mellorarán a cobertura de rede.
O Concello valora “positivamente” que se vaia poder dar este servizo en aldeas que “neste momento non teñen opción de dispor dun acceso a internet de calidade”. O Goberno local tamén amosou a súa “total colaboración” de cara a facilitar estes despregues de rede.

PUBLICIDADE