A fabricación dixital, a creatividade e a innovación, eixes da Pont-Up Store 2017
venres, 8 de setembro do 2017
O
evento Pont-Up Store 2017
vai ser o referente galego e estatal do emprendemento innovador este
mes de setembro. Por que motivo? Pois para comezar, porque
máis de corenta empresas amosarán os seus produtos e servizos
(sobre todo no recinto da Praza de España) e, tamén, porque o
programa vai incluír preto de 40 actividades, entre obradoiros,
seminarios, coloquios e encontros. A maiores, no roteiro
participarán arredor dun cento de especialistas en emprendemento. A
nivel de cobertura urbana, sinalar que estas actividades
desenvolveranse nunha ducia de emprazamentos da cidade. Amais da
devandita Praza de España, as salas de exposicións da Facultade de
Belas Artes e da Escola Superior de Conservación de Bens Culturais
acollerán presentacións de propostas empresariais innovadoras. Máis
polo miúdo, nestas salas celebrarase (a partir do día 19) un fablab
con diferentes obradoiros e coloquios sobre fabricación dixital e
creatividade.
A
cuarta edición da Pont-Up Store 2017 celébrase entre o 21 e o 23 de
setembro e vén novamente da man do Universidade de Vigo (Campus de
Pontevedra) no marco do proxecto e especialización CREA S2i. Amais,
cóntase coa colaboración de tres ducias de empresas e institucións,
co Concello como patrocinador principal.
O
programa definitivo do evento foi presentado este 7 de setembro polo
seu director, Pedro Figueroa, acompañado polo vicerreitor do Campus,
Juan Manuel Corbacho; a concelleira de Promoción Económica, Anabel
Gulías, e o deputado provincial de Economía, Carlos López Font.
Corbacho e Figueroa salientaron o poder de convocatoria da feira e o
seu carácter multidisplinar. De feito, destacaron, “ten capacidade
para xuntar empresas de múltiples sectores, desde a moda, a
alimentación ou ecoloxía, ata o deseño gráfico, a educación e as
novas tecnoloxías da información, outorgando ademais un “papel
moi importante á economía social", como salientou o director
dun evento que reúne a emprendedores de toda Galicia e no que “máis
do 33% dos proxectos proceden das vilas e do rural”.
Como
dixemos, Pont-Up Store terá como núcleo o recinto da Praza de
España no que, os días 22 e 23, as 41 empresas con menos de tres
anos e medio de traxectoria seleccionadas de entre máis de 120
candidaturas, amosarán á cidadanía os seus produtos e servizos.
Farano nos 36 stands cos que contará este recinto e a través
de diferentes actividades de dinamización, que abranguen propostas
como a arte floral, o álbum ilustrado ou a cata de cervexas, así
como no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores
presentarán o seu proxecto empresarial a perante directivos de
compañías galegas referenciais.
A
carpa verase complementada cun recanto de foodtrucks, tanto de
emprendedores seleccionados como da PonteVan, promovida por
diferentes institutos da cidade, así como pola súa prolongación
nas salas de exposicións do edificio que comparten Belas Artes e
Restauración. Segundo se fixo saber na presentación instalarase nas
salas un fablab que arrincará a súa actividade o mércores
19 co obradoiro de creatividade e fabricación dixital Fabricando
cidade, cuxos resultados exporanse o venres 22. A esta iniciativa
súmanse ademais talleres de fabricación dixital e robótica,
coloquios e un obradoiro para docentes e familias.
O
evento quecerá motores o día 21 cunha sesión de networking
sobre economía social na Casa das Campás organizada pola Unión
de Cooperativas Espazocoop. Amais disto, está programado un
seminario de mercadotecnia dixital, na sede de AJE Pontevedra; dous
coloquios promovidos polas cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo
e Vilagarcía e Santiago; un obradoiro sobre posicionamento en
internet, promovido pola Deputación, e o encontro Familias
Creativas, organizado por Equipo Sequoia.
O venres 23
o recinto do evento será a sede dunha sesión de networking
das e os emprendedores participantes, un obradoiro sobre economía
social para nenos de 6 a 10 anos, promovido pola rede Eusumo, así
como de diferentes actividades de dinamización. A estas súmanse a
celebración do Puntazo Express no Museo, a sesión formativa
Preparado para a inversión?, que ABANCA celebra no Café
Moderno, e a presentación dunha plataforma de venda de empresas que
traballan con criterios sociais e éticos en Belas Artes.
Lembrar
tamén que o evento Pont-Up Store foi seleccionado por diferentes
colectivos para promover os seus encontros, como o que celebrará a
comunidade WordPress de
Pontevedra en Belas Artes, e as actividades que a Asociación Galega
de Méntoring (Amces), desenvolverá o sábado no Liceo Casino. Nesa
xornada de clausura, ademais, terá lugar unha nova edición da
Xincana Bike, dirixida promover o traballo en equipo e a
cooperación entre nenos e nenas de ata 14 anos.