A eólica mariña exporá os seus retos tecnolóxicos da man de ITG

martes, 7 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), en colaboración co Club de Derecho de Construcción e Ingeniería (CDCI), organiza unha xornada sobre eólica mariña. O encontro, que se celebra o venres 10 de febreiro, de 9 a 13.30h na sede do ITG na Coruña, reunirá a algúns dos actores nacionais e internacionais máis relevantes neste ámbito, que abordarán os principais retos tecnolóxicos, legais e contractuais propios “dun dos sectores que presenta oportunidades máis atractivas para a economía galega”, en palabras do ITG.
Así, tralo relatorio inaugural, a cargo de Luis Velasco Bodega, director Tramitaciones y Medioambiente en Red Eléctrica de España (REE), participarán, en formato de mesas redondas, representantes de Red Eléctrica de España, Greenalia, Navantia, Ferrovial, Blue Float ou Seaplace, por parte de España, mentres que, na mesa internacional, farano Quantum Energy (Reino Unido), Hoggan Lovells (Alemaña), Driver Trett (Alemaña) ou Lisarb Energy (Brasil), que achegarán a súa visión desde a experiencia acumulada da xestión de parques eólicos mariños en Dinamarca, Países Baixos, Francia e Reino Unido. Na xornada tamén intervirá o director de Enerxía de INEGA, Juan Ignacio Rodríguez Fernández-Arroyo.
“O futuro da enerxía eólica pasa polo mar e, en concreto, en augas profundas, como é o caso de España e Galicia cun dos maiores potenciais de aproveitamento de recurso eólico”, explica o ITG, engadindo que actualmente é posíbel aproveitar de maneira óptima o potencial eólico das localizacións no mar e será preciso avanzar na xestión intelixente da enerxía producida por estas infraestruturas. Un ámbito no que ITG pon a disposición do sector a súa capacidade como “único centro tecnolóxico galego con recoñecemento estatal de excelencia investigadora Cervera en Transición Enerxética e a súa experiencia no desenvolvemento de sistemas de control centralizado que permiten xestionar de forma óptima infraestruturas de xeración enerxética renovábel mediante técnicas de dixitalización e supervisión intelixente da enerxía”.

PUBLICIDADE