A empresa galega Manfred recibe o premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG
xoves, 12 de maio do 2022
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
vén de anunciar o nome do proxecto destinatario da edición 2022 do
seu Premio Iniciativa Emprendedora, que se entregará no marco da XIV
Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. O
galardón irá dar á compañía de recruiting ou de recursos
humanos especializada no sector tecnolóxico, a galega Manfred.
Segundo
destaca o colexio, Manfred
nace “coa intención de axudar aos profesionais do sector
tecnolóxico a xestionar a súa carreira profesional e poñer en
contacto ao mellor talento coas empresas máis innovadoras,
empregando unha ferramenta que permite crear o CV e sincronizalo en
múltiples plataformas online de forma automática, ofrecendo
un maior control sobre os datos”.
A
Noite
Como
dixemos, este e outros premios entregaranse no marco da Noite da
Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o 1 de xullo no
Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. “O evento”, explican
dende a organización, “é o punto de encontro entre as colexiadas
e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais
TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos
empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o
sector”.
Os
premios da Noite corresponden nesta edición a once categorías onde
o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no
ámbito da Enxeñaría en Informática.
Máis
datos de Manfred
Manfred
foi fundada en 2019 polo emprendedor David Bonilla Fuertes (Madrid,
1977), a piques de rematar o seu grao en Enxeñaría en Informática.
O obxecto foi cambiar por completo o mundo do recruiting,
aportando transparencia e humanizando o mesmo. O CPEIG salienta que
se ben “a aposta foi arriscada, esta demostrou ser acertada, posto
que, apenas tres anos despois, o proxecto medrou até acadar un cadro
de persoal de 40 persoas e facturar máis de 2 millóns de euros ao
ano, competindo en certa maneira co xigante de LinkedIn”. En
palabras do propio David Bonilla, “hoxe máis de 15.000
desenvolvedores e desenvolvedoras de todo o mundo confían a súa
carreira profesional a Manfred, unha empresa que, desde o primeiro
día, asina todas as súas comunicacións cun orgulloso Made with ❤
and sentidiño in Galicia, Spain".
Currículo
dixital universal
O
CPEIG destaca tamén que Manfred creou o currículo dixital
universal, un só arquivo para todas as plataformas, sen longos
rexistros. “Por todos é sabido que buscar traballo en Internet ten
o gran inconveniente de que a maioría de plataformas de emprego
piden que o solicitante se rexistre e cubra manualmente todos os
campos relacionados coa experiencia laboral, a formación, o porfolio
e as habilidades complementarias, como os idiomas”, sinala o
colexio, engadindo que Manfred “decidiu crear un currículo open
source que se pode sincronizar con múltiples plataformas de
emprego desde un arquivo en formato JSON aloxado no repositorio do
usuario en GitHub”.
Bonilla
explica que “a orixe dos datos que comparte o interesado estará na
súa propia máquina, desde a cal poderá cortar o acceso á web que
desexe cando queira, o que fará que sempre teña o control sobre a
súa información persoal e que o peche dunha plataforma non lle faga
perder todo o contido que envorcou nela”. Así mesmo, con este
sistema, ao estar interconectado desde o repositorio do usuario, cada
cambio que se realice nun sitio web plasmarase automaticamente nos
demais e gardarase o arquivo JSON do profesional.