A creación do máis revolucionario e exhaustivo mapa da Vía Láctea colle impulso no CITIC

luns, 10 de outubro do 2022 S. P.

Prosegue o inxente traballo abeirado á misión especial Gaia da Axenda Especial dirixido a crear o mapa máis exhaustivo e completo da Vía Láctea de cantos se teñen elaborado. Neste labor colabora arreo o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, cuxo persoal lidera a participación galega en Gaia. Sen ir máis lonxe, a sede do CITIC acolleu a xuntanza plenaria da Unidade de Coordinación 8 (CU8) da misión impulsada pola Axencia Espacial Europea. Segundo fixeron saber, prevese que o próximo catálogo que se publique inclúa as posicións, o movemento e as características físicas de 2.500 millóns de estrelas, e conteña tamén os datos obtidos nas 70 veces que de media o satélite ten pasado por cada obxecto da nosa Galaxia.
“Isto supón que o volume do cuarto arquivo de Gaia, o DR4, será unhas 50 veces maior que o publicado o pasado mes de xuño e achegará unha versión tremendamente mellorada destes parámetros estelares”. Así o explicaron Minia Manteiga e Carlos Dafonte, investigadores da área de Intelixencia Artificial do CITIC, Uwe Lammers, Gaia Mission Xestor e Orlagh Creevey, xestor da Unidade CU8, tras o encontro mantido recentemente na sede do centro coruñés.
A reunión plenaria da Unidade de Coordinación 8 (CU8) do consorcio europeo DPAC para o procesado de datos da misión espacial Gaia reuniu a máis de 40 investigadores de 20 entidades europeas e permitiu examinar os puntos nos que se pode mellorar aínda máis o traballo feito para a terceira publicación dos datos de Gaia o pasado mes de xuño, a denominada DR3. Así mesmo, puidéronse establecer as prioridades e organizar o traballo ata 2025, data prevista para a conclusión do proxecto. Neste punto, os investigadores explicaron que foi posíbel avanzar de cara á cuarta publicación de datos de Gaia, chamada DR4, prevista para dentro de dous anos, que segundo sinalan “eclipsará aos anteriores conxuntos de datos tanto en tamaño como en complexidade e estenderá aínda máis o impacto científico da misión”.
O grupo CU8 que se reuniu a pasada semana no CITIC é o responsábel de determinar as características físicas das estrelas, a temperatura, a composición, o tamaño e a masa, entre outros parámetros. “Os catálogos de datos de Gaia publicados ata o momento son un gran éxito para a Axencia Espacial Europea e o consorcio europeo responsábel do procesado de datos”, explicaron os participantes, engadindo que este consorcio (DPAC) está formado por 450 científicos e enxeñeiros de máis de 20 países e máis de 100 universidades e institutos.

Uwe Lammers, Orlagh Creeve, Minia Manteiga e Carlos Dafonte

Este estes investigadores atópase a astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte, ambos os investigadores do CITIC da UDC, quen lideran a participación galega neste proxecto. Concretamente, traballan nas unidades 8 e 9 de Gaia, coa creación de técnicas e ferramentas para a verificación dos datos do satélite e a divulgación dos resultados da misión, así como no desenvolvemento de técnicas automatizadas para clasificar as fontes que observa o satélite, tanto estrela como obxectos extra galácticos. O número de traballos científicos baseados nos datos de Gaia publicados anualmente supera ao telescopio Hubble, ata o de agora o que maior produción científica xerara.

PUBLICIDADE