O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu a semana pasada a visita da profesora da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Porto e co-directora do Laboratório de Reabilitação Psicossocial, Cristina Queiros, quen estivo nas dependencias do centro coruñés co obxectivo de pór en marcha o proceso de avaliación (desde a perspectiva psicolóxica) dun estudo piloto sobre a tensión e actividade física.
Este estudo está a levarse a cabo entre o persoal do CITIC, utilizando tecnoloxías carrexables (wearables) que permiten medir aspectos biométricos e unha plataforma de saúde participativa desenvolvida polo grupo de Tecnoloxía Aplicada á Investigación en Ocupación, Igualdade e Saúde (TALIONIS). O proxecto está a ser promovido desde a Cátedra Handytronic-Grupo Telecon, que, como lembraremos, é unha iniciativa conxunta da Universidade da Coruña e a compañía Telecon para, entre outras cousas, impulsar recursos avanzados que melloren a mobilidade en persoas con diversidades funcionais (como a cadeira de rodas que dá nome á cátedra, a cadeira Handytronic).
A estadía de Cristina Queiros foi financiada polo programa Iacobus, dirixido a fomentar a cooperación e o intercambio entre os recursos humanos dos centros de ensino superior de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa (profesores, investigadores, persoal de administración e servizos), facilitando a posta en común de actividades formativas, de investigación e de divulgación.
A codirectora do Laboratório de Reabilitação Psicossocial visitou o CITIC
Compartir Este Artigo

