A celebración do Black Friday medrará en Galicia nun 22%
xoves, 16 de novembro do 2017
Achégase o Black Friday, o último venres de
novembro (o 24) e isto significa, entre outras cousas, que moita
xente vai tentar “solucionar” as compras de Nadal nunha única
xornada (unha xornada moi acaida para descontos de todo tipo no
ámbito tecnolóxico), que o mercado español segue adiante con esta
celebración importada de Estados Unidos (será a sesta edición do
evento no ámbito estatal) e que haberá novamente unha chuvia de
cifras récord de vendas. Será Galicia unha excepción nesta
tendencia? Pois segundo a plataforma experta na cuestión do Black
Friday, Black-friday.sale,
non o será. Segundo os seus datos, todo apunta a que a celebración
medrará nun 22% en Galicia nesta edición 2017 (sendo a media
estatal dun 21%).
A Coruña, ademais, repetirá como unha das
cidades do ámbito estatal onde máis interese esperta o devandito
evento comercial. En cuestión de comercio electrónico, Amazon foi o
establecemento en liña máis buscado polos galegos durante o evento
do ano pasado, abranguendo o 32% das procuras. Por temáticas,
impuxéronse as novas tecnolóxicas, a telefonía e as viaxes.
A plataforma tamén informa que o ano pasado os
galegos realizamos máis de 110.000 de procuras relacionadas co Black
Friday.
En
total, a empresa engade que polo menos tres de cada cen persoas en
España realizaron durante novembro de 2016 unha procura relacionada
co Black Friday. “Este evento”, engádese, “xa se converteu no
máis importante en liña con máis de 1,8 millóns de procuras
durante novembro do ano pasado; mentres que as rebaixas de inverno
acumulan 135 000 procura en xaneiro”.
Para quen no o saiba a estas alturas, o nome de Black Friday
(Venres Negro) vén dado porque os establecementos de EE UU adoitan
vender unha chea de lotes e produtos un día despois da festa de
Acción de Gracias, pasando a súa contabilidade do vermello ao
negro.