A aula CeMIT de Boiro inicia a semana vindeira con dous cursos sobre Arduino e Opencart

venres, 24 de abril do 2020 S. P.

As nosas aulas CeMIT non descansan en tempos de confinamento. E non o fan pola importancia dunha serie de cousas: a relevancia de aproveitar o tempo do Estado de Alarma para seguir achegando formación e empregabilidade ou a conveniencia de subministrar recursos sobre un ámbito de actividade que é cada vez máis crucial (para teletraballar, para teleformarnos, para mellorar ao máximo noso currículo), que é o ámbito informático. A aula CeMIT do Concello de Boiro rematou esta semana con actividades formativas e este venres anunciou novas sesións formativas para a seguinte semana.
Haberá, novamente, cursos online por vídeo-conferencia para desenvolver durante confinamento. Os primeiros que se van impartir van ser os de Iniciación Arduino nivel básico e de Opencart básico.
Respecto do primeiro, diríxese a capacitar ao alumnado nas posibilidades de Arduino, que é unha plataforma de creación de electrónica de código aberto, baseada en hardware e software libres, que serve para crear diferentes tipos de microordenadores nunha sola placa para usos moi diversos. As persoas que participen neste curso van coñecer en que consiste a linguaxe de programación, van aprender deseño de circuítos básicos e tamén simulador de circuítos.
Co curso de Opencart básico as persoas participantes introduciranse nos recursos para pór en marcha unha tenda virtual e xestionala. Os contidos deste curso son o contexto tecnolóxico de Opencart, as especificacións dos requirimentos para o traballo coa aplicación e tamén a instalación e configuración para o traballo.
O curso de Iniciación a Arduino vaise facer os días 27 e 29 de abril e os días 4, 6 e 8 de maio en horario de 11.00 a 11.50 horas e o de Opencart vai ser os días 5, 7, 12 e 14 de maio no mesmo horario, de 11.00 a 11.50 e serán online mediante videoconferencia.
As inscricións deben facerse directamente na aula CeMIT de Boiro, no enderezo electrónico axentetic@boiro.org ou no teléfono 981 84 26 35.

PUBLICIDADE