A aplicación dos nosos percebeiros sobe chanzos en seguridade

venres, 19 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Consellería do Mar vén de someter a aplicación web Percegurú, destinada a optimizar e facilitar o traballo dos percebeiros, a unha serie de melloras dirixidas a facilitarlles datos que incrementen a súa seguridade. A remodelación da plataforma, que a partir de agora fornecerá información aos usuarios das condicións de mar en cada área litoral en explotación, a calquera hora do día, foi dada a coñecer pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, na segue do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR). No acto tamén participou a directora do INTECMAR, Covadonga Salgado.
Segundo fixeron saber, as melloras na aplicación son unha resposta ás peticións concretas do sector, materializadas a través da Confraría de Camariñas. Na presentación, amais, a directora lembrou que a ferramenta existe dende 2012 e que coa súa posta a punto mellorouse tamén a súa resolución, ampliando os graos de risco (que pasan de tres a catro) e facendo que a información que contén a ferramenta web sexa actualizada de maneira automática, mesmo na fin de semana.
Susana Rodríguez tamén recordou que a aplicación Percegurú “facilita información básica das condicións oceanográficas e atmosféricas de cada unha das zonas de extracción de percebe con tres días de antelación e, polo tanto, permítelles orientar o seu traballo aos traballadores”. Por exemplo, tendo partes pormenorizados da ondaxe, o horario local das mareas, a temperatura ambiente e da auga coa que se van atopa os percebeiros; con que intensidade e en que dirección van soprar os ventos; cal é a forza e o estado do mar; e a dirección, frecuencia e altura das ondas.
A esta ferramenta web, á que se pode acceder no enderezo http://ww3.intecmar.org/percebeiros, desenvolveuse no marco do Proxecto Europeo RAIA, polas unidades de Modelado Oceanográfico e Documentación e Apoio Científico do INTECMAR e que emprega datos de MeteoGalicia.

PUBLICIDADE