A Xunta promoverá a creación de centros de innovación con participación empresarial
xoves, 5 de xuño do 2014
Alberto Núñez Feijoo, salientou hoxe na rolda de prensa
posterior ao Consello da Xunta, a
aprobación dunha “decisión pioneira” no ámbito da innovación empresarial en
Galicia, un programa de creación de centros de innovación mixtos por parte
de empresas e organismos de investigación galegos. Trátase dunha iniciativa que
mobilizará 30 millóns de euros e permitirá desenvolver liñas de traballo en
materia de innovación en sectores estratéxicos da economía da Comunidade.
Segundo destacou Feijoo na rolda de prensa posterior ao
Consello da Xunta, para conseguir este obxectivo, o Goberno galego investirá
directamente fondos públicos, 9,5 millóns de euros, na liña do Programa Innova
en Galicia, que permitirá avanzar “un paso máis no desenvolvemento do
compromiso que presentamos á Unión Europea da Estratexia de Especialización
Intelixente, RIS 3”.
A liña nace coa finalidade “de que o investimento público
exerza de panca para a atracción de capital privado con destino á innovación
tecnolóxica” e que distintas compañías de sectores económicos estratéxicos como
o das TIC, o da automoción, o aeronáutico ou o farmacéutico, xa teñen comunicado
o seu interese por participar neste programa.
Os centros de innovación terán unha serie de requisitos para
poder obter financiamento público. O primeiro deles, é que se ten que manter un
mínimo de tres anos en funcionamento, e que teñen que estar cofinanciados polas
empresas. Deste xeito, impulsarase a creación de emprego cualificado;
desenvolveranse as capacidades dos centros galegos ao servizo de áreas
punteiras da economía; e mellorarase a competitividade das empresas grazas á
transferencia de coñecemento nos sectores estratéxicos.
Os beneficiarios deste programa serán os centros
tecnolóxicos, as universidades ou fundacións de investigación sanitaria,
centros galegos do CSIC, ou do IEO. Ademais, estes centros teñen que acreditar
ter captado o interese e compromiso de empresas para desenvolver conxuntamente
(Xunta de Galicia, centro de investigación e empresa) os centros de innovación.