A Xunta organiza un ciclo charlas arredor das tecnoloxías e as novas xeracións

mércores, 27 de marzo do 2024 S. P.

O Goberno galego lanzou este mes de marzo a segunda edición do Ciclo de Cultura Científica dirixida a público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. Baixo o título Tecnoloxía con sentidiño, a partir do 4 de abril abordaranse varias temáticas en torno a o eixo común da tecnoloxía, como o uso da mesma nas aulas, a súa relación coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía ou a Intelixencia Artificial, entre outros.
O obxectivo é “ofrecer certezas sobre as novas ferramentas avanzadas e a IA e contribuír a unha reflexión seria e documentada, con expertos do maior nivel, e baseada en investigacións”.
Poderán seguirse de forma presencia no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén serán retransmitidas en streaming na canle de YouTube da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Programa
Na primeira das sesións, o 4 de abril, Héctor Ruíz Martin, investigador e director da International Science Teaching Foundation, impartirá o relatorio Que nos di a investigación sobre o uso da tecnoloxía na aula?.
Pola súa banda, a escritora e columnista Laura Espido Freire será a encargada, o 22 de abril, da intervención Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fio narrativo.
Xa en maio, o día 2, José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, afondará nos Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede; mentres que o día 16 Juanjo Montiel Pérez, enxeñeiro senior de software de Microsoft, aportará unha ollada desde a discapacidade e a plena integración da tecnoloxía na conferencia Tecnoloxía e accesibilidade.
O 28 de maio, Javier Saéz de los Terreros, responsable da comunicación dixital do Museo del Prado en Madrid, descubrirá aos asistentes como achegar a tecnoloxía cara un público que non visita os museos co relatorio Estratexias de comunicación dixital. As redes sociais do Museo do Prado.
O 4 de xuño será a quenda de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en Intelixencia artificial do CITIC da Universidade da Coruña e do Centro de Innovación Educativa e Dixital, quen abordará o impacto das novas tecnoloxías na sociedade con Educación na era da Intelixencia Artificial: vaiamos a modo.
A última conferencia desenvolverase en xuño, con data aínda por fixar, da man de Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas. Achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.
Os docentes asistentes ao ciclo completo recibirán un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas. O libro que versa sobre o ciclo celebrado en 2023, baixo o título Ciencia parece pero non é, presentarase o vindeiro 4 de abril, na primeira das sesións.

PUBLICIDADE