A Xunta ofrece colaboración ao Goberno central para a posta en marcha da AESIA

mércores, 22 de febreiro do 2023 Redacción

O edificio da Terraza, na Coruña, que albergará a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial A Xunta de Galicia tende a man ao Goberno central na posta en marcha da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), e considera que as Administracións autonómicas deben participar activamente nos órganos de goberno da Axencia, que terá a súa sede na Coruña, segundo destacou hoxe a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da AMTEGA, María Bobillo.
Bobillo formulou esta proposta ante o director xeral de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Salvador Estevan. Ambos participaron esta mañá nunha xornada sobre a “actualización da Axenda España Dixital 2026: avances e novos eixos” organizada por Socinfo Digital no Instituto Nacional de Administración Pública.
A responsable de Planificación da Axencia galega resaltou a importancia do desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e fiable nas Comunidades autónomas en aspectos que son da súa competencia, como a Administración dixital, a educación, a sanidade ou o fomento das competencias dixitais da cidadanía.
Neste sentido, fixo un repaso polos avances da dixitalización de Galicia na última década, que permitiron que tanto a Administración, como a sanidade, a educación ou a xustiza en Galicia acadaran ou estean a punto de acadar a universalización dos seus servizos.
María Bobillo destacou, entre os retos de Xunta cara ao futuro, a especialización tecnolóxica da Comunidade, eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030. Esta especialización implica o desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías disruptivas, entre elas a intelixencia artificial ou a xestión intelixente do dato. De aí a importancia de participar activamente na primeira experiencia europea de posta en marcha dunha axencia estatal para a súa supervisión.
A aposta de Galicia pola intelixencia artificial reflíctese en aspectos como o de ser unha das tres primeiras Comunidades autónomas de España en dispoñer dunha estratexia propia de IA.
María Bobillo destacou tamén o papel do Nodo GalicIA na configuración dunha candidatura sólida para acoller a AESIA, que foi o resultado dun mandato que a Xunta recibiu do Parlamento de Galicia para postular á nosa Comunidade.
Na xornada que hoxe tivo lugar en Madrid tamén participaron o director xeral do Insitituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), Félix A. Barrio; o director do sector de Administracións Públicas de Ibermática an Ayesa, Alejandro Rodríguez e o vicerreitor de Estratexia e Universidade Dixital da Universidade de Murcia, Pedro M. Ruiz.

PUBLICIDADE