A Xunta distingue aos tres centros da UVigo integrados na Rede CIGUS: atlanTTic, CIM e CINBIO
mércores, 12 de febreiro do 2025
Os tres centros de investigación da UVigo integrados na Rede CIGUS: atlanTTic, CIM e CINBIO, recibiron este 2 de febreiro o recoñecemento da Xunta de Galicia nun acto presidido polo titular do goberno galego, Alfonso Rueda, en Santiago de Compostela. Rueda, que destacou a importancia da Rede CIGUS como referente da excelencia científica en Galicia, agradeceu a súa contribución a construír “unha Galicia potente e de calidade” que é “punteira” e referente no I+D+i. Os premios, como sinalamos dende Código Cero, tamén distinguiron ao CITIC da UDC e ao CiTIUS da USC, entre outros.
Os directores dos tres centros da Rede CIGUS da UVigo: Martín Llamas de atlanTTic, Miguel Ángel Correa do CINBIO e Daniel Rey do CIM, foron os encargados de recoller os recoñecementos, nun acto no que a Universidade de Vigo estivo representada polo seu reitor, Manuel Reigosa.
No acto celebrado no Museo Centro Gaiás, no que tamén se procedeu á entrega de placas ao centros colaborativo da UVigo CINTECX e ao interuniversitario Ecobas, Rueda reafirmou o compromiso da Xunta coa transferencia de coñecemento e co impacto da ciencia na economía e no emprego, facendo fincapé na importancia de conectar os centros de investigación co tecido produtivo. “Este é un traballo de todos”, indicou para asegurar que o obxectivo do Goberno autonómico é “reter o talento que hai en Galicia e promover que a comunidade sexa un lugar atractivo para que investigadores de primeiro nivel mundial” poidan realizar o seu traballo.
Os centros de investigación que forman parte da Rede CIGUS son cinco pola Universidade de Santiago de Compostela: Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS); tres pola Universidade de Vigo: o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación(atlanTTic), o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e o Centro de Investigación Mariña(CIM); e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).