A WordCamp de Pontevedra acollerá 20 relatorios de primeiro nivel

martes, 11 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Estes 22 e 23 de setembro celébrase na Facultade Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra (Universidade de Vigo) un acontecemento TIC sobre metodoloxías accesíbeis e libres para mostrarnos en liña e construír a Rede e os seus diferentes elementos. Máis polo miúdo, sobre o sistema WordPress e as súas múltiples posibilidades como sistema de balde e sen cancelas: un sistema que abrangue a día de hoxe a xestión da terceira parte das páxinas web do mundo. Segundo lembrou hoxe a organización do evento WordCamp Pontevedra 2018, a previsión é xuntar 200 persoas. Tamén recordou que se trata do primeiro evento oficial de WordPress que se desenvolve na nosa terra e que o programa inclúe preto de 20 relatorios.
A cita, que vén da man dos voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra co apoio da organización internacional WordPress Foundation, preséntase como unha oportunidade de tender novas pontes entre a comunidade universitaria e o tecido produtivo. “Que se organicen este tipo de eventos é interesante para a facultade non só pola proxección, senón tamén porque nos achegan a un sector profesional moi concreto que no ámbito da comunicación é fundamental”, sinalou o profesor da Facultade de CCSS e da Comunicación e experto en WordPress Xabier Martínez Rolán. Segundo engadiu, as xornadas contribuirán a “visualizar a facultade no eido dixital e das novas tecnoloxías”, circunstancia que se verá reforzada polo feito de coincidir coa posta en marcha no centro do mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.
Martínez Rolán engadiu que “WordPress ten moitas vantaxes, en primeiro lugar, porque a curva de aprendizaxe é moito máis sinxela que noutras plataformas, e tamén por ter unha comunidade de desenvolvedores enorme, polo que con WordPress pode facerse absolutamente de todo, calquera cousa que se che ocorra para unha web, hai un complemento para poder facelo”.
Polo que respecta aos relatorios, contarán con preto de 20 conferencias que, en dúas quendas paralelas, desenvolveranse o sábado 22, centrándose non só en contidos sobre desenvolvemento e programación, senón en múltiples cuestións vencelladas a WordPress: blogs, negocios, accesibilidade, redes sociais, tendas en liña, etc.
Segundo explicaron os organizadores, o programa combina coloquios de iniciación con outros de nivel medio e avanzado, de tal xeito que “nas sesións atoparán cabida todo tipo de usuarios, desde os máis profesionais até os que se veñen de introducir no mundo deste xestor de contidos web”.
No panel de conferenciantes atópanse expertos como Fernando Tellado, autor do blog en castelán sobre este xestor de contidos con maior número de visitas.
Tralas conferencias do sábado, a WordCamp continúa o domingo co Día do Contribuídor, no que as persoas asistentes “aprenderán a colaborar co proxecto WordPress mediante traducións, soporte, desenvolvemento...”.
A WordCamp terá como adianto a quedada que, no marco da programación do encontro de emprendemento Pont-Up Store, terá lugar o venres 20 ás 18.30 horas na Facultade de Belas Artes. Emprende con WordPress é o título dun evento no que tres conferenciantes abordarán como empregar esta ferramenta “para medrar profesionalmente” a partires das súas propias experiencias.

PUBLICIDADE