A Web recupera a figura do mecenas na iniciativa Apadrinaunartista.com

luns, 21 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

A Rede sentoulle ó negocio da música como algo máis ca un lavado de face. Mudoulle as entrañas mesmas, para mal de algúns e oportunidade de outros. En realidade, todos os papeis cambiaron e xa que case ninguén, nin produtores, nin directivos de discográficas, nin músicos nin seareiros segue a ocupar o mesmo posto. Nalgúns aspectos, o negocio xa volveu (de maneira paradoxal) a conceptos herdados do antergo. Así, Radiohead vén de pasar o chapeu virtualmente polo seu último traballo (cada internauta pagou por el segundo as súas posibilidades e/ou xenerosidade) e agora tamén semella que volve a práctica do mecenazgo. Podemos velo en Apadrinaunartista.com, unha proposta web de dous irmáns cataláns (Xavi e Albert León) que procuran a través da Rede a particulares que estean en disposición de investir en novos grupos musicais.
Na imaxe, un dos grupos que concorre neste proxecto, Flores en el Ártico.
En certa maneira, o invento funciona coma determinadas ONGs, só que desta volta vai dirixido a botarlles unha man ós músicos, sobre todo no que se refire á complicada (por custosa) tarefa de gravar un disco. Segundo explicou os días pasados a Axencia Efe, o servizo segue a liña dunha práctica moi habitual no eido anglosaxón e que se coñece como “crowdsourcing”, algo así como “buscador de multitudes”, unha estratexia que se basea en lanzar un produto no mercado para medir logo o interese xerado. Como se pode supoñer, a web está especialmente deseñada para escoitar e apoiar, sen que exista moita distancia entre a consecución de un e outro paso (a fin de contas, diso se trata: de facilitar o vieiro).
Por certo que o custo de produción dun disco é de 34.070 euros, polo que se entende que sexa preciso para moitos solistas ou agrupacións contar cun padriño ou madriña que bote unha man. A gran diferenza dun proxecto destas características cunha discográfica tradicional radica en ceibar ós músicos dunha boa parte das ataduras dos contratos. En realidade, sinalan os seus responsables, os artistas poden baixar do carro en canto queiran. Sexa como sexa, o proxecto semella xurdir con boa estrela: hai só tres meses que botou a camiñar e xa conta con case 150 agrupacións e de estilos ben diferentes. Polo que respecta á cifra de investidores, a cousa pinta ben: só durante estes sete días últimos medrou a participación dos mesmos nun 15% con respecto ó comezo.

PUBLICIDADE