A V campaña do Bono Activa Comercio xa ten 6.500 establecementos adheridos, un milleiro en Ourense

luns, 29 de abril do 2024 S. P.

A Xunta fixo este luns 29 un balance da actividade xerada pola quinta edición da campaña Bono Activa Comercio, iniciativa do Goberno galego para incrementar as vendas no tecido comercial e incentivar a fidelización a través dunha web e dos móbiles dos usuarios. Segundo fixo saber en Ourense o conselleiro de Emprego, José González, até 6.500 establecementos (preto dun milleiro na provincia) adheríronse este ano á campaña. Engadiu que “en apenas catro días, preto de 300.000 particulares descargaron o seu bono e están comezando a beneficiarse dos descontos de ata 30 euros nas súas compras”.
Tamén comentou que “o éxito da iniciativa vén avalado xa pola ampla descarga de bonos desde o pasado venres e polo interese suscitado entre o tecido comercial” e engadiu que “a Xunta destina á campaña 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 12 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade galegos, co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector”.
Os negocios que desexen participar nesta iniciativa levan adheríndose desde o pasado 16 de abril, e teñen de prazo para seguilo facendo ata o 1 de setembro. Mentres, as persoas consumidoras poden descargar desde xa na súa páxina web bonos desconto de ata 30 euros para as compras que realicen nos comercios vencellados.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñíbeis para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Na última edición superáronse os 6.700 negocios participantes. En total, nas catro edicións anteriores acadáronse os obxectivos, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 65,7 millóns de euros.

PUBLICIDADE