A UVigo presenta un vehículo de mapping móbil para acadar estradas máis seguras cun menor custe

mércores, 26 de febreiro do 2014

Esta semana déronse a coñecer dende a Universidade de Vigo os resultados dun proxecto tecnolóxico de gran interese. Falamos de Sitegi, e o de “gran interese” vén a conto porque amosa un importante potencial para pórlle freo a unha das grandes eivas do noso tecido viario: a alta perigosidade que amosan as nosas estradas sumada ao pouco sentido común que lles é propio a unha boa parte dos nosos condutores. O proxecto non é novo. Naceu en 2010 cun orzamento de máis de 3,6 millóns e euros. Tres anos despois, xa podemos ver os seus primeiros froitos e entre eles sobresae un vehículo de mapping móbil semellante ao que emprega para o seu servizo Street View, pero cunhas diferenzas e particularidades a ter en conta. Por exemplo, as aplicacións tecnolóxicas específicas de seu permiten unha precisión centimétrica nos seus rexistros.
O proxecto vén da man do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo en colaboración con cinco empresas galegas dos eidos da construción e a enxeñaría. O equipo presentado diríxese entre outras cousas a mellorar a seguridade nas estradas e reducir de xeito considerábel os custes de mantemento. A presentación do prototipo celebrouse este martes na ETSE de Minas, onde se reuniron o director da escola, Benito Vázquez, os investigadores implicados no proxecto e os representantes das cinco empresas galegas que dende o inicio apoiaron a posta en marcha da investigación: Insitu Ingeniería, Lógica, Extraco, Enmacosa e Misturas.
O investigador Higinio González fixo saber aos responsábeis de comunicación da UVigo que “o proxecto púxose en marcha centrándose en temas de mantemento viario, dado o escenario de escaseza de recursos económicos, onde non é probable que inicien novas obras e onde resulta básico manter en bo estado a actual rede de estradas”. O prototipo foi empregado xa na rehabilitación da ponte romana de Lugo e na construción da autovía Ourense-Celanova, entre outros lugares.
Volvendo ao vehículo en cuestión, dicir que se trata, en palabras de Higinio González, dunha unidade de inspección de estradas que permite realizar inspeccións e inventarios detallados de infraestruturas facilitando á toma de decisións ao respecto de si realizar ou non unha rehabilitación e un mantemento na vía. Ademais, compleméntase cunha serie de aplicacións informáticas que permiten a consulta e interpretación da información proporcionada polos sensores xeomáticos. O vehículo consta de recursos como un equipo de posicionamento por satélite, escáner láser, cámaras de vídeo para imaxes termográficas, un sistema de visión multicámara, xeorradar e un perfilómetro láser que é quen de determinar diferentes tecnoloxías no pavimento. Todo o que rexistran estes sistemas pasa logo unha base de datos xeorreferenciada nun computador que se complementa cun software de control que sincroniza tódolos ditos elementos e que achega diagnósticos de como se atopa cada infraestrutura avaliada.
O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder, dentro do Programa Operativo Fondo Tecnolóxico 2007-2014, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial, CDTI e as empresas participantes. Entre os principais destinatarios está a Administración Publica, “xa que se trata de equipos que permiten tanto controlar de maneira exhaustiva a construción dunha obra nova como o seguimento detallado de infraestruturas que xa están en servizo”, explican os investigadores da UVigo.

PUBLICIDADE