A UVigo e o Concello de Covelo xuntan forzas para capacitar dixitalmente aos maiores do municipio

venres, 16 de setembro do 2022 S. P.

O Concello de Covelo e a Universidade Vigo veñen de asinar un convenio de colaboración para promover o desenvolvemento científico e tecnolóxico e achegalo á veciñanza do termo municipal. O acordo foi asinado polo alcalde, Pablo Castillo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa, que puxeron o foco nas vantaxes do programa, que incluirá actividades e proxectos que empoderen dixitalmente á cidadanía, que incrementen o seu coñecemento sobre a contorna na que viven e que adquiran recursos para unha meirande calidade de vida. Haberá cursos, conferencias e seminarios dirixidos a persoas maiores de 55 anos.
Pablo Castillo, egresado da UVigo, en concreto da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, salientou a importancia deste contacto estreito cos “concellos pequenos”, que permite “abrir a Universidade a toda a súa contorna”.
Pola súa banda, o reitor destacou a importancia de “democratizar o coñecemento e ofrecer formación ao longo de toda a vida” pero lembrou que, se ben o Programa Universitario para Maiores leva anos sendo unha iniciativa de éxito nos tres campus, “queremos facer país tendo unha presenza en todas os lugares da xeografía galega que nos sexa posíbel”.
Enmarcado no proxecto Mareas de coñecemento e experiencia da Uvigo, a iniciativa permitirá o desenvolvemento de tres seminarios con temáticas diferentes. O primeiro deles versará sobre tecnoloxía e uso de ferramentas no telefono móbil. O segundo arredor da arte e historia, afondando no patrimonio histórico cultural de Covelo cunha sesión teórica e divulgativa e unha segunda sesión práctica na que o alumnado visitará os xacementos relacionados co impartido.
O terceiro seminario abordará a saúde e o benestar.
Mareas de coñecemento e experiencia é un proxecto itinerante de formación universitaria que naceu ao abeiro do Programa de Maiores da Universidade. A súa finalidade é achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural maior de 50 anos, levando aos concellos da contorna un programa que aborda eidos como a xeografía, a arte e a historia; a ciencia e medio ambiente; a saúde e o benestar ou as tecnoloxías, adaptando sempre os contidos ás demandas dos concellos implicados.
Tras o seu paso ao longo dos últimos cursos por Ribadavia, Leiro, Gondomar, Nigrán, Forcarei ou Tui, e despois de dous anos marcados pola pandemia, este curso bota andar nos concellos do Rosal, Covelo e Celanova e, en próximas datas, arrancará tamén en Moaña.
O alcalde, Pablo Castillo, explicou que 15 persoas están a recibir, nestes días, formación relacionada coas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), as app (aplicacións móbiles) e as ferramentas dixitais, que foron os contidos máis demandados polo concello.

Axenda

Seminario I Tecnoloxía uso de ferramentas no telefono móbil
María Rodríguez Damián r Amparo Rodríguez Damián. Profesoras da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo.
• 14 de setembro, de 16.30 a 19.00 h. Sesión teórico-práctica 1: O teléfono móbil. Configuración básica. WhatsApp e Video-chamadas. Lecturas código QR. Aplicacións de banca electrónica e pago.
• 15 de setembro, de 16.30 a 19.00 h. Sesión teórico-práctica 2 Outras aplicacións. Calendarios de vacinación e medicacións, Petición de citas médicas, Localización de persoas, etc.
Seminario II Arte e historia
Elisa Pereira García. Profesora do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo
• 19 de setembro, de 16.30 a 18.30 h. Sesión divulgativa: Patrimonio do concello de Covelo. Mámoas e petróglifos, Cruceiro Santísimo Cristo dos Aflixidos
• 20 de setembro, de 16.30 a 19.30 h. Sesión práctica: Visita as Mámoas e os petróglífos, Cruceiro Santísimo Cristo dos Aflixidos (Cerviño)
Seminario III Saúde e benestar
José Luis García Soidán. Profesor na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
da Universidade de Vigo
• 21 de setembro, de 16.30 a 18.30 h. Sesión divulgativa: Contorna natural. Alimentación e saúde
• 22 de setembro, de 16.30 a 19.30 h . Ruta cardio-saudábel dende ruta do rio Alen a barcia de Mera. A andaina durará en torno a dúas horas.
As clases impartiranse no Auditorio Municipal, rúa travesía de Vigo 11, Covelo

PUBLICIDADE