A USC presenta en Boston unha ferramenta para a alfabetización dixital en áreas rurais

xoves, 17 de xaneiro do 2008 Raquel Noya

O Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio GIS-T IDEGA, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de deseñar unha ferramenta técnica para a alfabetización dixital das áreas rurais que axuda a cartografiar a presenza e uso das TIC nas comunidades residentes en áreas non urbanas.
A devandita aplicación denominada Sistema de Información Xeográfica (GIS) permite, entre outras cousas, planificar e xestionar as actividades de difusión das TIC nas “comunidades marxinadas do rural” e vaise presentar o vindeiro sábado 18 de xaneiro na Northeastern University de Boston (USA), no marco da Fourth International Conference on Technology Knowledge and Society.
Grazas á ferramenta GIS obtéñense mapas temáticos que cartografan a presenza e uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no municipio piloto de Brión (A Coruña) e os contidos dixitais xerados polo sistema de xestión da web infobrion.com.
O seu funcionamento é relativamente sinxelo: a representación cartográfica dos contidos dixitalizados de InfoBrion amosan claramente cales son as parroquias e asentamentos que xeran máis información de interese para a comunidade virtual, localizándose así os espazos e núcleos máis e menos “enganchados” á sociedade da información. Deste xeito, a GIS permítelles ós usuarios coñecer onde están as computadores, para que se empregan, a distribución dos teléfonos móbiles, a difusión territorial dos xornais entre as familias ou o tipo de conexión que teñen a Internet.
Segundo o profesor Carlos Ferrás, responsable desta aplicación, os contidos nestas redes virtuais “son de grande interese para favorecer a difusión das TIC e vencer a fenda dixital” posto que permite organizar e orientar estratexicamente o traballo de alfabetización da comunidade e impulsar programas de intervención social alí onde son máis necesarios.

PUBLICIDADE