A USC constata a alta taxa de éxito dun tratamento tecnolóxico para deixar de fumar

martes, 23 de abril do 2024 S. P.

O 77% das persoas que realizaron un tratamento para deixar de fumar na Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC conseguírono cun tratamento psicolóxico aplicado a través de videochamadas e co apoio da aplicación móbil SinHumo.
Os resultados foron publicados en Nicotine & Tobacco Research, a revista de referencia en estudos de tabaquismo, no artigo The Efficacy of the SinHumo App Combined With a Psychological Treatment to Quit Smoking: A Randomized Clinical Trial, froito dunha investigación dirixida polos docentes Elisardo Becoña e Ana López, ambos os dous da Unidade da USC. Segundo informaron, entre os fitos acadados pola investigación, que se estendeu ao longo de 12 meses, tamén figura un dato de interese: a elevada porcentaxe de adherencia e seguimento ao tratamento e o importante índice de satisfacción: un 85% das persoas fumadoras indicaron estar moi satisfeitas co tratamento recibido e a utilización da app.
En palabras do investigador Elisardo Becoña, trátase dun dos primeiros estudos realizados que utiliza unha metodoloxía baseada nun formato a distancia, “con excelentes resultados e datos de abstinencia similares aos tratamentos psicolóxicos para deixar de fumar presenciais”. E engade: “O estudo mostra que se poden utilizar con éxito os recursos tecnolóxicos, como son as videochamadas e aplicacións móbiles, para o tratamento das persoas fumadoras seguindo un tratamento psicolóxico”.
Para os autores do estudo, a posibilidade de realizar estes tratamentos a distancia non só facilita a súa realización senón que “este tipo de formato é atractivo para persoas fumadoras que non pensan deixar de fumar con outros tratamentos convencionais, como as persoas de menor idade, por exemplo.”.
A investigación publicada é un novo paso no desenvolvemento, avaliación e difusión de tratamentos psicolóxicos eficaces para as persoas fumadoras que desde hai 40 anos vén realizando a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC.

PUBLICIDADE