A UDC xa instalou 60 medidores intelixentes de CO2 nos seus espazos
xoves, 15 de abril do 2021
Crear
espazos seguros para os escolares a través dunha medición
intelixente da calidade do ar. Este é un dos grandes obxectivos do
proxecto impulsado dende novembro pola
Universidade da Coruña e o seu Centro de Investigación TIC (CITIC)
e do que este 15 de abril tivemos ocasión de coñecer novos e
interesantes detalles. Por exemplo o feito de que a Universidade
da Coruña sexa pioneira a nivel estatal nunha iniciativa de
Intelixencia Artificial destas características ou que xa fora quen
de instalar no seu seo 60 medidores de interior (e referencias
exteriores) e unha infraestrutura de rede que permite rápidas
redistribucións das zonas de medición en base a campañas nos
diferentes campus e edificios concretos.
O
proxecto
O
obxectivo é medir o dióxido de carbono (CO2) nos espazos da UDC,
coa instalación de dispositivos que fagan seguimento do nivel de
concentración de CO2 en diferentes dependencias universitarias como
aulas ou bibliotecas, “coa finalidade de garantir espazos de estudo
e traballo seguros”.
O
proxecto, coordinado polo Adxunto do reitor para Tecnoloxías da
Información e as Comunicacións, Carlos Escudero, catedrático da
área de Teoría do Sinal e Comunicacións do departamento de
Enxeñaría de Computadores, conta coa colaboración do Servizo de
Informática e Comunicacións, o Servizo de Prevención de Riscos
Laborais e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información
e a Comunicación (CITIC) a través dun proxecto COVID de GAIN
(CEDCOVID, Ciencia e Enxeñaría de datos para a avaliación,
predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade
COVID-19).
Como
funciona
A
iniciativa inclúe a instalación de dispositivos avanzados de
medición de CO2. A información proporcionada recóllese de forma
centralizada para establecer patróns e poder actuar en tempo real a
través de sistemas de comunicación da Internet das Cousas (IoT).
Segundo explican a UDC e o CITIC, a valoración da presenza de
dióxido de carbono é “clave para controlar a calidade do aire e a
concentración de aerosois provocados pola COVID-19 en recintos
pechados”.
En
opinión dos investigadores do proxecto, e sen que haxa aínda
conclusións definitivas da investigación, a medición de CO2 “é
una medida que vén para quedarse”, non só polo tema relacionado
co coronavirus, senón por temas de eficiencia enerxética e tamén
pola influencia do dióxido de carbono no estudo “xa que con niveis
altos de CO2 a atención diminúe” polo que dificulta a
concentración necesaria para estudar.
