A UDC traslada á vicepresidenta o proxecto para converter a Cidade das TIC no Nodo da Estratexia Nacional en IA

luns, 10 de maio do 2021 S. P.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, reuniuse este 10 de maio coa vicepresidenta Nadia Calviño para, entre outras cousas, presentarlle os detalles do proxecto para converter a antiga Fábrica de Armas na Cidade das TIC e do plan para transformar este novo complexo innovador na sede do Nodo da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial. A reunión foi previa á intervención da ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital no salón de actos da Facultade de Economía e Empresa onde mantivo unha charla-coloquio co alumnado sobre Perspectivas de economía e plan de recuperación.
Na xuntanza tamén estiveron presentes o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o decano da dita facultade, Manuel Gómez, e o ex-presidente de Galicia e profesor da UDC, Fernando González Laxe.
A vicepresidenta manifestou o seu interese polo proxecto da Cidade das TIC, incluído dentro das propostas do Goberno autonómico aos fondos Next Generation.
Julio Abalde baseou a súa proposta para ser sede do nodo de IA en España no “peso investigador e docente da UDC no ámbito tanto da Informática como da Intelixencia Artificial posicionándose a Universidade da Coruña como líder en Galicia nestes ámbitos”.
A UDC, líder en IA en Galicia
O reitor fixo saber que a UDC abrangue a día de hoxe ao 74% do profesorado galego da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, e máis da metade do alumnado e dos titulados en Informática de todo o Sistema Universitario Galego (SUG), ao que engadiu o carácter referencial do Centro de Investigación en TIC (CITIC) da UDC, que “é o primeiro centro singular do SUG en TIC e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia”, amais de ser un modelo de traballo en áreas como a Ciencia e Enxeñaría de Datos, a Computación de Altas Prestacións, os Servizos e Redes Intelixentes e a Ciberseguridade.
A charla presencial da vicepresidenta Calviño foi seguida tamén por streaming debido ao límite de aforo do salón de actos, que se completou con máis de cen asistentes. Na súa intervención, a ministra avanzou que a recuperación económica española comezará a verse no segundo semestre deste ano. Nadia Calviño destacou as prioridades da súa política económica que teñen como primeira medida seguir avanzando na vacinación para continuar coa protección da economía e o emprego, a consecución de estabilidade financeira e o despregue das reformas e investimentos do Plan de recuperación, que se sustenta en catro eixes, transformación verde, dixitalización, cohesión social e territorial e igualdade de xénero.

PUBLICIDADE