A UDC incorpora dous novos investigadores ao CITIC e ao CICA

venres, 8 de outubro do 2021 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña veñen de incorporar a dous investigadores no marco das axudas para a atracción e retención de talento investigador no Sistema Universitario de Galicia, convocadas pola Xunta de Galicia. Os investigadores que se incorporaron aos centros de investigación da UDC son Diego Álvarez Estévez e Roberto Javier Brea Fernández.
O investigador Diego Álvarez Estévez integrouse recentemente na área de Intelixencia Artificial do CITIC, para desenvolver modelos de aprendizaxe automática robustos e flexíbeis no contexto de múltiples fontes de datos independentes. Procedente do Haaglanden Medisch Centrum (HMC) de Países Baixos, onde desempeñou o cargo de enxeñeiro xefe no departamento de sono e neurofisioloxía clínica, continuará agora a desenvolver a súa liña investigadora no CITIC no eido da Intelixencia Artificial aplicada. No HMC tivo a oportunidade de aplicar o coñecemento acadado durante o desenvolvemento da súa tese doutoral nun contorno real, conseguindo facer máis eficiente a diagnose das diferentes desordes do sono, facilitando ao equipo médico unha información interpretada, o que reduce considerablemente o tempo de valoración e aumenta a fiabilidade do diagnóstico.
Segundo explica Álvarez, “a miña liña de investigación focalízase en explorar as posibilidades de que os algoritmos de Machine Learning funcionen mellor en contornas cambiantes, xa que adoitan ter un problema de variabilidade en función da base de datos de referencia. Isto quere dicir que os algoritmos funcionan correctamente cando se utiliza a base da datos a partir da que se creou, pero presentan problemas cando o sistema é extrapolado a outra contorna. No ámbito clínico, por exemplo, sucede cando o sistema debe avaliar pacientes que proveñen de diferentes centros, ou cuxos datos foron adquiridos con diferentes equipos de diagnóstico”.
O investigador Roberto Brea Fernández incorporouse ao CICA no mes de xullo para comezar o seu propio grupo de investigación denominado BIOMEMCHEM, polo termo inglés Biomimetic Membrane Chemistry (química de membrana biomimética). Durante a súa formación como doutor en química na Universidade de Santiago de Compostela tivo a oportunidade de profundar no estudo da Nanociencia, a área científica que marcou as súas liñas de traballo até agora. Como investigador postdoutoral pasou a maior parte do tempo na Universidade de California de San Diego, onde recibiu a HFSP-CDF (siglas de Human Frontier Science Program - Cros-Disciplinary Fellowship), unha prestixiosa bolsa de investigación grazas á cal se especializou na construción de células sintéticas funcionais. Estas estruturas presentan importantes aplicacións no estudo da orixe da vida, a fabricación de biorreactores, o transporte de fármacos a zonas concretas do organismo e o deseño de axentes terapéuticos.

PUBLICIDADE