A UDC celebra a renovación do CITIC na rede de excelencia de Galicia

martes, 30 de abril do 2024 S. P.

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña reunido este 30 de abril na Reitoría da UDC, celebrou a inclusión de dous novos centros, CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía) e CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil), na rede de excelencia de centros de investigación de Galicia. Un novo paso ao que se suma a renovación da cualificación na máxima categoría coa que xa contaba o CITIC (Centro de Investigación TIC).
Con estas novas inclusións, aprobadas este luns 29 por parte do Consello da Xunta de Galicia, a UDC eleva o seu peso na rede de centros de excelencia de Galicia, dous na máxima categoría (CITIC e CICA) e un na segunda, a dos denominados centros colaborativos. “É un novo paso de cara a impulsar a investigación da institución universitaria, que suma ademais a súa participación no Centro ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), interuniversitaria, que tamén alcanzou a cualificación de centro colaborativo”, explicaron fontes da UDC, engadindo que o dito recoñecemento “supón un forte aval financeiro para estes centros que recibirán preto de 5 millóns de euros da Rede de Investigación de Excelencia”.

PUBLICIDADE